Acto público polo Día da Patria Galega do BNG de Redondela coa presenza de Ana Pontón
O BNG de Redondela organiza un acto público na Alameda de Castelao o sábado 5 de xullo, ás 20:30, como punto de arranque da campaña comarcal de reivindicación do Día da Patria Galega, 25 de xullo.
30 xuño 2025 - 23:48
Neste encontro intervirán a responsábel comarcal de Galiza Nova, Iria Custodio, o portavoz municipal do BNG en Redondela, Xoán Carlos González, o responsábel comarcal do BNG, Manuel Caride, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
Baixo o lema “Galiza sempre! Unha nación en marcha pola súa soberanía”, a organización nacionalista quere “reivindicar unha xornada de loita e reivindicación da construción dun país soberano económica e politicamente”.
“O 25 de xullo é un día marcado no calendario de todos e todas as galegas, a nosa campaña consistirá no fomento da consciencia nacional entre o pobo”, afirma o portavoz municipal, Xoán Carlos González, “somos unha organización preparada para liderar un futuro alternativo, comenzando polas eleccións municipais de 2027 desde os concellos e pasando polo cambio na Xunta en 2028”.
Ademais, a responsábel comarcal de Galiza Nova, Iria Custodio, chama “a toda a mocidade de Redondela e dos concellos próximos a asistir ao acto, xa que as necesidades concretas da mocidade galega, como a vivenda ou unha oferta laboral digna, son parte fundamental das políticas do BNG”.
Dentro da programación, no acto tamén se realizará unha ofrenda floral na estatua de Castelao, xa que estamos no 75 º aniversario do seu cabodano. “Castelao é unha das figuras máis importantes na historia do noso país e queremos aproveitar para aportar o noso grao de area en Redondela”, confirma Xoán Carlos González.
O acto estará amenizado por música tradicional en vivo e, ao terminar, haberá un convivio con petiscos para que todas as asistentes poidan conversar e intercambiar ideas dun xeito máis distendido.