O alcalde Javier Bas fai alardes. A duna desaparece.
Atopou un auténtico filón o alcalde Javier Bas, dende que se concedeu a Bandeira Azul á Punta da Praia de Cesantes. A partir deste momento o seu personalismo planeou constantemente en calquera actividade neste entorno.
A propia presentación da bandeira azul, converteuna nunha loa á xestión feita polo goberno municipal. Curiosamente poucas semanas antes, defendía a construción de valados ao pe mesmo da praia.
Herdou o goberno de Javier Bas, unha situación do entorno da praia, razoablemente boa. Hai aínda moito por facer, principalmente un esforzo colectivo de concienzación e compromiso polo futuro da praia. Mais a perseveranza en que rexenerar o bordo litoral en xeral, e a praia en particular en especial moveron a actuación do BNG no goberno municipal.
Durante varias semanas, realizáronse distintas actividades de coñecemento e promoción deste singular espazo do concello. Nada que alegar neste sentido dende o BNG.
Mais, a auténtica protagonista: o complexo dunar, está seriamente ferido. Xa dende a vaga de temporais do pasado inverno perdeu unha importante cantidade de area. Dende eses meses, ata hoxe, o goberno municipal unicamente fixo o que sabe, propaganda e deixazón de funcións.
Outro dos esperpentos relacionados coa Punta da Praia, constitúeo a instalación dun pendello para a realización dun curso de formación. O BNG cuestionou a instalación no mesmo areal, posto que incidiría negativamente no futuro do complexo dunar. A resposta dada: que simplemente era unha instalación temporal.
Dende o BNG esiximos que se retire de inmediato este pendello pola súa negativa incidencia no movemento da area. Igualmente seguiremos vixiantes para que as actuacións no propio areal, sexan pouco agresivas, posto que os precedentes deste goberno municipal non son moi tranquilizadores.