Anonimato: expresión de covardía para atacar ao BNG
Existe dende hai anos certo grupo de persoas en Redondela, que empregan o anonimato para atacar ao BNG. Primeiro, cando formabamos parte do goberno municipal, no que se desenvolveron as actuacións máis positivas para Redondela; agora, cuestionando o lexítimo dereito da organización nacionalista para exercer oposición.
Para o BNG o anonimato non é máis que sinónimo de covardía. Este pequeno coliectivo marxinal, pretende converterse nunha especie de gurús que dirixen as masas. Ben é certo que segundo vai pasando o tempo, unicamente lle dan relevancia un pequeno grupo de persoas.
Defendeu o BNG a actuación en política como instrumento de expresión das arelas do conxunto da sociedade. Como organización que acredita na democracia, respecta a aparición de diferentes forzas a nivel local ou estatal. En contra do proclamado por algúns, confírmase que a participación en política constitúe un recurso para cambiar o modelo.
Respectouse sempre, calquera opción que camiñara na vía de considerar alternativas ao bipartidismo. En ningún momento actuou esta organización, ben a nivel local ou nacional con revanchismo nin sectarismo.
Esta actividade política tradúcese nun compromiso de persoas, que apostan, no caso da organización nacionalista, por unha Galiza con maiores cotas de autogoberno.
Dende o BNG rexéitase a impunidade do anonimato para tentar destruír. Trátase de xente que pouco ou nunca se comprometeron con actuacións no seo da sociedade, porque simplemente non cren na capacidade e na forza colectiva para transformar as cousas. Persoas que unicamente alimentan os seus egos, postulando a senda pola que deben seguir as masas.
Trátase de persoas obsesionadas por marcar estados de opinión, sen comprometerse, empregando a covardía do anonimato. Deste xeito, no caso de que se fracase poderán saír indemnes.
Nesta teima obsesiva e mesmo demente estase a utilizar a membros e simpatizantes do BNG, os seus nomes e comentarios. A organización nacionalista resérvase o dereito a emprender accións xudiciais contra estes anónimos, ou páxinas que se fagan eco dos mesmos.
O compromiso do BNG e as persoas que o conforman co conxunto co pobo galego vaise manter.
Adiante BNG!