Alegación do BNG para a construcción de vivenda pública en Redondela
Xoán Carlos González: “Somos a única forza que asume a responsabilidade de velar polos intereses dos nosos veciños e veciñas”.
16 set. 2024 - 08:27
Durante o período de exposición pública do Plan Xeral a organización nacionalista plantexou ata vinte e unha alegacións para interese da veciñanza. Entre as máis destacadas a que tén a ver coa “dotación suficiente de chan para a consolidación de vivenda de promoción pública”. A vivenda como dereito, debe saír do mercado especulativo, no que se convirte nun instrumento de exclusión e marxinalidade social.
O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González puxo en valor a necesidade de que a proposta lanzada dende o BNG se recolla finalmente no PXOM. “Volvemos a asumir que somos a única forza que vela polos intereses dos e das redondelás, coa presentación e defensa desta alegación”, destacou. Na Alegación plantéxase que as porcentaxes de chan público para vivenda supere ao estrictamente contemplado na lexislación.
“Como defensores das políticas sociais postulamos que a vivenda de promoción pública constitúe un piar básico do benestar”. Rexeitou as prácticas especulativas que se moven arredor dun Plan Xeral. Recordou que Redondela leva unha década perdendo poboación, polo que cómpre revertir esta tendencia coa construcción de fogares asequibles ao nível adquisitivo da maioría da poboación.
Afirma que durante o debate plenario da aprobación inicial do documento “máis que argumentos, déronse excusas para que a vivenda de promoción pública quedara fóra do documento”. Recorda que mesmo se defenderon argumentos para considerar que o mellor instrumento para abaratar a vivenda limítase a liberalizar o mercado.