Apoio do BNG ás reivindicacións da comunidade educativa do IES Mendinho
Xoán Carlos González considera “inxustificábel” que a consellaría non priorice manter as ratios como nestes anos de pandemia.
01 ago. 2022 - 22:06
Dende a organización nacionalista veñen de valorar a situación de recortes denunciada pola comunidade educativa do IES Mendinho de Redondela. “Eliminar ata catro profesores ou profesoras en educación secundaria, vai supor que moitos mozos e mozas se desleixen do sistema educativo”, consideran. “Trátase dunha liña ben trazada dende o Partido Popular, quen sempre considerou que o ensino máis que un dereito, era un privilexio, e que o que se necesita é man de obra xoven e barata”.
Dende o BNG, apoian as reivindicacións da comunidade educativa. “Asistimos a un recorte brutal no Mendinho, mais que supoñemos que vai afectar ao resto de centros de ensino de Redondela, tanto de secundaria como de primaria”. “A estratexia da consellaría, e a de anunciar os recortes, cando xa entramos en periodo vacacional, para que as familias non poidan presionar e se desmovilicen” aseguran.
A situación agrávase en cuarto da ESO, ao mante o mesmo número de alumos do curso pasado, eliminando unha das unidades, “co que as ratios por aula, superará os 30 alumnos e alumnas”, sinalan. Outros cursos que se verán afectados na redución dos catro profesores e profesoras, serán primeiro de ESO e de Bacharelato.
Pónense a disposición das familias, para empezar a moverse durante as vindeiras semanas, co obxectivo de manter as ratios similares á pandemia. “Deste xeito, trataríase dun ensino máis personalizado, máis efectivo, que tén como protagonista ao alumno ou alumna”, consideran.
Pola súa parte o voceiro municipal Xoán Carlos González, lamenta que “unha vez máis o PP, dálle as costas ao noso alumnado, facéndose necesario volver a mobilizarse e presionar”. “Nestes momentos nos que os mozos e mozas, e as familias deberían desconectar, e reforzarse para o vindeiro curso, outravolta a consellaría pón paus na roda para deteriorar o ensino público”.
“Atopámonos nun periodo de dar resposta a moitas necesidades que o alumnado está a prantexar. Foron dos sectores máis afectados, e que mellora aguantaron a pandemia, e cuxos efectos secundarios aínda están por aflorar” considera no voceiro do BNG. “Imos prestar toda a nosa colaboración para que a consellaría recúe, mantendo as ratios destes últimos anos, nos centros educativos do noso concello”, remata na nota Xoán Carlos González.