Aprobada en Asemblea a candidatura do BNG de Redondela ás eleccións municipais

IMG-20230316-WA0002
David Couñago, M. Xosé García, Iria Custodio, Xoán Carlos González, Jose Rodríguez, Jéssica García e Xoán A. Álvarez.
“Creamos un grupo sólido, implicado no reto de converter Redondela en concello referente”, destaca o candidato Xoán Carlos González Campo.
 
Aprobada en Asemblea a candidatura do BNG de Redondela ás eleccións municipais
A Asemblea Local do Bloque Nacionalista Galego apoiou por unanimidade a candidatura presentada polo aspirante á alcaldía de Redondela, Xoán Carlos González Campo. Unha lista das denominadas “cremalleira” nos vinteun integrantes conformada por un home e unha muller, “o que deixa ás claras a importancia do papel das mulleres na actividade política do BNG”. 
Salientou igualmente a incorporación de ata oito persoas independentes, “incorporándose para enriquecela aportando a súa visión da política e do concello”. Puxo en valor, que o número de suplentes chegara ata os dez, “o máximo permitido legalmente o que significa que moita xente apoia esta candidatura”.
O primeiro treito caracterízase pola presenza de xente moza, xa con experiencia acumulada de traballo coordinado nos últimos anos no seo do Bloque Nacionalista Galego. “Creamos un grupo cohesionado, implicado no reto de desenvolver as potencialidades de Redondela como concello referente”, enfatizou o candidato Xoán Carlos González Campo.
No primeiro treito da candidatura, ademáis de el mesmo estará de número dous a súa compañeira no grupo municipal profesora no IES Illa San Simón de Redondela, Jésica García Cruz. No número tres David Couñago Mouriño que participa no movemento asociativo en Reboreda, destacando o seu papel na problemática do parque eólico que se pretendía instalar na parroquia.
Iria Custodio Fabre, no número catro, graduada en ciencias da liguaxe membro do Consello Parroquial de Trasmañó de onde é veciña, ademáis de responsábel comarcal da organización xuvenil Galiza Nova. Síguea Jose Rodríguez Gómez, traductor especialista en linguaxe de videoxogos coordinador de campaña no número cinco. 
O sexto posto, ocupado por outra muller, María Xosé García traballadora da automoción con longa experiencia no movemento asociativo, cun papel destacado na loita contra a Casa de Apostas en Redondela. Pecha este primeiro treito, no número sete, Xoán A. Álvarez Iglesias independente, veciño de Chapela profesional da música tradicional, mestre de distintos instrumentos, colaborador con diversas agrupacións da música popular galega.
“Estamos preparados e preparadas para todo”, manifestou Xoán Carlos González Campo. “Acreditamos en contar co apoio de moita xente que nolo amosa a cotío, pois somos un colectivo con iniciativa e solvente para asumir a responsabilidade do goberno de Redondela”, destaca finalmente.
Aprobada en Asemblea a candidatura do BNG de Redondela ás eleccións municipais