Aprobada a conversión da parcela do colexio Igrexa en dotacional sociocultural.
“Vaise conformando a proposta do BNG para un edificio multifuncional, que dea resposta ás demandas de equipamento de Chapela”, afirmou o voceiro municipal Xoán Carlos González
03 out. 2022 - 08:37
Outro dos asuntos que se tratou durante a sesión plenaria de setembro, consistíu no cambio da calificación urbanística da parcela de 1.500 m2, ocupada anteriormente polo colexio Igrexa. A parcela pasou a titularidade municipal, grazas a unha permuta con AUDASA do antigo edificio de Correos.
O Bloque Nacionalista Galego, prantexou xa no ano 2017 que esta parcela, e mesmo o antigo edificio escolar, deberían recuperarse para uso dotacional. Acadaríase un aproveitamento social desta parcela. O cambio de usos de escolar a sociocultural, consolida a proposta.
Pola súa banda o Partido Popular autoexcluíuse de poder participar no deseño do futuro da parcela. Durante a negociación da permuta, negouse a apoiala. Agora volveu dicir non a cambio de usos.
Para o voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González, “Chapela necesita da reubicación da biblioteca, dos servizos sociais, de espazos para colectivos sociais e culturais. Agora debe abrirse un proceso de diálogo co movemento asociativo da parroquia para ir definindo o que se pretende levar a cabo”.
Salientou que para o BNG, “neste espazo debe ter cabida un ámbito para a memoria de Sesé Mateo, e un punto de estudo da violencia de xénero”, plantexou ao longo da súa intervención.