O BNG de Redondela presenta un borrador para as subvencións ás Comunidades de Auga.

IMG_20220926_133225
Presentación do borrador no rexistro do concello de Redondela.
“Damos resposta ao compromiso de apoiar con 30.000€ a estas entidades que levan máis de dez anos sen recibir axudas económicas do concello”, anuncia o voceiro municipal Xoán Carlos González.
 
O BNG de Redondela presenta un borrador para as subvencións ás Comunidades de Auga.
Coa chegada do Partido Popular ao goberno de Redondela, elimináronse as axudas a estas entidades. Os gobernos do PSOE e AER, tampouco deron pasos en firme na súa defensa. Coa firme convicción de que as Comunidades de Augas deben recibir apoio do concello, na negociación dos orzamentos municipais do ano 2022, o Bloque Nacionalista Galego condicionou calquera acordo a esta dotación económica. 
Segundo palabras do voceiro nacionalista, trátase de entidades que asumen unha enorme responsabilidade coa veciñanza, ao xestionar a distribución de auga para consumo humano a centos de vivendas das parroquias do concello de Redondela. “Sabemos que o están a pasar mal, ademais de pola seca que estamos a atravesar, pola deixadez dos últimos gobernos municipais, co que, recuperar as subvencións, é todo un éxito”, valora.
A oportunidade para converter unha demanda en realidade, ofrecéuselle á organización nacionalista na negociación dos orzamentos do ano 2022. “Xa nos primeiros encontros co PSOE, comprometéronse a recoller unha partida de 30.000€ para axudar ás Comunidades de Auga”. A aprobación definitiva producíuse nas últimas semanas.
Anuncia que dende a organización nacionalista presentaron xa un borrador de bases de subvencións. “Consideramos urxente e prioritario chegar a un acordo, para que canto antes as Comunidades poidan beneficiarse das axudas económicas”, sinala.
Entre as inversións que se poderán subvencionar, destaca o edil nacionalista as “obras para captación de augas, almacenamento e potabilización, melloras e ampliacións no sistema de distribución, redacción de proxectos, gastos diversos, e control da calidade das augas.
Valora moi positivamente Xoán Carlos González o acordo acadado coa proposta en que garante o futuro das Comunidades de Auga que en Redondela, prestan servizo a varios milleiros de veciños e veciñas. “Demóstrase que unha vez máis no BNG antepoñemos os intereses colectivos para prestar servizos de primeira calidade”.
O BNG de Redondela presenta un borrador para as subvencións ás Comunidades de Auga.