Ataque da Xunta aos ciclos formativos no IES Chapela
O Bloque Nacionalista Galego amosa o seu apoio á comunidade educativa, exixindo á consellaría que non elimine as clases presenciais.
19 xuño 2023 - 09:32
Un dos obxectivos de calquera tipo de formación, máis especialmente dos ciclos formativos consiste na atención directa entre docente, alumnado, e o contacto directo coas materias que se trate. Os principios básicos educativos demostran que este triángulo nunca falla cando se pretende acadar un correcto manexo dos contidos curriculares, coa intención de chegar ao mundo laboral nas mellores condicións.
Pois ben a propia administración educativa da Xunta de Galiza, a traverso da directora xeral de FP anunciou a redución e mesmo supresión de parte da oferta presencial sustituíndoa por formación a distancia.
O IES de Chapela converteuse nun dos centros públicos afectados por esta medida artellada polo Partido Popular. O profesado e a comunidade educativa tomou a iniciativa inmediatamente desenvolvendo mobilizacións denunciando estas prácticas da Xunta. Preténdese garantir unha FP centrada na presencialidade, na calidade e na amplitude da oferta nas modalidades ordinaria e modular que son as que garanten unha mellor atención educativa e de adquisición de competencias profesionais.
Mentras o ensino privado concertado segue recibindo fondos para que os ciclos formativos medios e superiores sigan medrando. A estratexia do PP de promocionar a concertada en detrimento do ensino público
Dende o Bloque Nacionalista Galego de Redondela queremos expresar todo o noso apoio ao IES Chapela, poñéndonos á súa disposición para acadar o obxectivo común de manter a presencialidade en todos os ciclos formativos.