Maria Xosé García na candidatura do BNG ao Senado
A nosa compañeira atesoura unha ampla carreira na loita sindical redondelá.
26 xuño 2023 - 12:28
Coa confirmación das candidaturas do Bloque Nacionalista Galego ás eleccións estatais do 23 de xullo, polas circunscripcións electorais, confirmouse a proposta da compañeira María Xosé García como número 2 por Pontevedra. O Consello Nacional tivo en conta a súa longa traxectoria profesional e sindical, na loita dos dereitos dos traballadores e traballadoras en xeral, e da factoría Plastic Omnium en particular.
Nesta cita electoral teremos que introducir dúas papeletas, as correspondentes ao Congreso, e outra diferente ao Senado. Carmen da Silva volve encabezar a candidatura nacionalista ao Congreso, á que o BNG aspira a situala como representante por Pontevedra. Para o Senado, débese riscar ata tres nomes, no que aparecerá Maria Xosé García no segundo lugar da lista nacionalista, para que tamén a voz da clase traballadora se escoite en Madrid.
María Xosé García leva toda a súa vida vinculada ao traballo sindical e defensa dos traballadores e traballadoras. Destacou no seu activismo na mellora das condicións laborais das mulleres como colectivo fundamental na factoría de Plastic Omnium de Redondela. Participou no movemento contra a Casa de Apostas de Redondela. Hoxe é recoñecida como unha peza fundamental no Proxecto nacionalista no noso concello.
As afeccións e compensacións das infraestruturas estatais en Redondela constitúen eixos fundamentais do traballo que se pode desenvolver en Madrid. Eliminación da Peaxe de Rande, reducir o impacto da Autoridade Portuaria de Vigo na Enseada San Simón, recuperar as augas da Ría, mellorar a seguridade viaria das estradas estatais, reducir o impacto do Aeroporto, nova estación de cercanías en Chapela.
O BNG aspira neste proceso electoral a acadar o seu grupo parlamentario propio, condicionando as políticas de estado e que se recoñeza a Galiza como unha nacionalidade coas súas propias aspiracións. Para iniciar a precampaña electoral o sábado 1 de xullo desenvolverase un acto nacional en Compostela, para presentación das candidaturas, á que todo o mundo está convidado e convidada.