O BNG afirma que o goberno de Digna Rivas non aumentou as axudas para material e comedores escolares
Xoán Carlos González fala de “cinismo político ao manter os mesmos fondos económicos que hai tres anos”
22 ago. 2025 - 09:08
Dende a organización nacionalista cuestionan abertamente que o goberno de Digna Rivas, “non aumentara estas partidas para colaborar na adquisición de material e comedores escolares”. Cada ano medra o número de familias que solicitan esta colaboración económica para afrontar o curso escolar.
“Detrás da propaganda dos mellores orzamentos da historia para Redondela, queda claro que o goberno de Digna Rivas dálle as costas ás familias redondelás”, afirma o voceiro nacionalista Xoán Carlos González. Afirma que na convocatoria do curso anterior, o goberno aforrou nestas partidas un dez por cento do total.
Recorda que dende o goberno municipal cansáronse en repetir que os orzamentos medraron para o ano 2025, máis dun millón e medio de euros. “Isto non se traduciu nun aumento para estas axudas de carácter social, como o material escolar para alumnado de 3 a 5 anos, e para os comedores escolares”, lamenta.
Fala de “cinismo político” de Digna Rivas ao manter a mesma cantidade que hai tres anos para estas colaboracións económicas, sabendo que na convocatoria de 2024 aforraron un dez por cento. “Se o orzamento xeral aumenta para este ano, debería ter aumentado para comedores e material escolar, e non é así”
Nas bases da convocatoria de axudas de comedor para poder acceder, a renda máxima dunha familia de 2 integrantes mantense 1.500€ por debaixo do salario mínimo interprofesional. Este indicador xa plantexa unhas demandas e necesidades de numerosas familias que poden quedar sen axudas.
Entende que un goberno que se considera “progresista”, non pode aforrar en partidas de marcado carácter social. “O goberno municipal de PSOE/AER rexeitou que o BNG participara na elaboración dos orzamentos para que estas carencias se correxiran. Agora grande parte dos e das redondelás van sufrir esta irresponsabilidade”, remata na súa nota o edil nacionalista.