O BNG ve insuficentes as axudas do goberno de Digna Rivas ás Traídas de Augas
Xoán Carlos González, “os tres mil euros anunciados reduciranse proporcionalmente segundo o número de comunidades que se presenten".
08 set. 2025 - 10:04
A recente convocatoria de axudas paras Traídas de Auga polo goberno de Digna Rivas, confirman o xa sospeitado pola organización nacionalista. “Trátase de colaboracións económicas insuficientes para entidades que asumen a responsabilidade de subministrar auga para o consumo humano na maioría das parroquias de Redondela”.
Pola súa parte o voceiro nacionalista Xoán Carlos González, afirma que as axudas mantéñense conxeladas dende hai varios anos. “ Demóstrase que os anuncios de Digna Rivas sobre os orzamentos do 2025 non era máis que propaganda”. Namentres anunciaban un aumento de preto dun dez por cen dos orzamentos, esta suba non se trasladou a estas subvencións.
En canto ao anuncio do goberno PSOE/AER sobre axudas de tres mil euros por Comunidade de Augas, afirma que se trataría da cantidade máxima para o caso de que se presenten só dez solicitudes, a partires de aí iríase reducindo exponencialmente e en función dos puntos que reciban. “O goberno de Digna Rivas tenlles que prestar máis apoio económico, aumentando as subvencións, e non o está a facer”, exixe.
Recoñece o edil nacionalista o importante traballo e responsabilidade que asumen estas entidades, principalmente nas parroquias do concello de Redondela. Describe a situación dalgunha delas de alarmante, “que mesmo tiveron que solicitar a colaboración económica das comunidades de montes, para poder afrontar arranxos e renovacións do subministro de auga potábel”.
Pón en valor que non cederan á chantaxe aos que quixeron someter ao BNG, ao non aumentar as partidas para Traídas de Auga. “Este é un dos temas polos que demandamos participar na elaboración dende o inicio dos orzamentos municipais, e o bipartito PSOE/AER negóunolo”, lamenta o voceiro do BNG.
Finalmente Xoán Carlos González mantén o compromiso de seguir demandando melloras nas axudas ás Traídas de Auga.