O BNG de Redondela denuncia os recortes da Xunta no ensino público

IMG-20250526-WA0002

Xoán Carlos González, “O alumnado con necesidades de apoio o máis afectado polos recortes de Ensino”.

 

O BNG de Redondela denuncia os recortes da Xunta no ensino público
O Bloque Nacionalista Galego de Redondela denuncia a política de recortes da Xunta de Galicia no ensino público, que afectan gravemente a varios centros do concello e poñen en risco a calidade e a igualdade educativa.
O BNG alerta que a Consellería de Educación suprime unidades e reduce profesorado de apoio en diferentes centros de ensino de Redondela. Estes centros, con alta presenza de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo están a sufrir unha vez máis os recortes do presidente Alfonso Rueda. Esta decisión da consellería de educación, vulnera os compromisos adquiridos polo propio goberno galego en materia de inclusión, redución de ratios e reforzo de recursos humanos.
A situación é especialmente preocupante naqueles centros onde hai unha porcentaxe elevada de alumnado con necesidades específicas e onde a Xunta recorta en profesorado de Pedagoxía Terapéutica; profesionais imprescindibles para atender ao alumnado con máis dificultades.
Este inicio de curso escolar, que arrinca esta semana, confirma que as problemáticas seguen a ser as mesmas que as de outros anos: a falta de recursos, a supresión de unidades, a ausencia de apoios suficientes para o alumnado con maiores necesidades e a falta de transporte escolar para o alumnado de bacharelato. A realidade é que a Xunta deixa sen resposta ás demandas da comunidade educativa de Redondela, condenando ás familias e ao profesorado a iniciar o curso nas mesmas condicións deficientes que xa denunciaron o ano pasado.
O voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González, afirma que “o PP está castigando aos centros que apostan pola inclusión, eliminando recursos imprescindibles para garantir a igualdade de oportunidades.” 
Lamenta igualmente que o goberno de Digna Rivas non teña convocado o Consello Escolar Municipal para prantexar as necesidades dos centros educativos. 
O BNG de Redondela esixe á Xunta que rectifique e manteña todas as unidades, o profesorado de apoio e os recursos necesarios para un ensino público de calidade. Fan súas as demandas e esixencias da Federación de Anpas. Chaman a participar na manifestación convocada para o sábado 13 de setembro polas rúas de Compostela
O BNG de Redondela denuncia os recortes da Xunta no ensino público