O BNG afirma que o goberno municipal facilita a regularización de Arcelor Mital
Xoán Carlos González, "Ignoran as demandas dos colectivos de Chapela para a saída da empresa, permitíndolle que aporte documentación que a apoie”
17 mar. 2026 - 10:11
A lentitude de acción do goberno de Digna Rivas na busca dunha solución favorable á parroquia de Chapela sobre a situación da empresa Arcelor Mital, vén sendo analizada polo Bloque Nacionalista Galego de Redondela. Coñecedores da situación irregular da nave que a aceira posúe en terreos de ADIF, consideran que se trata dunha artimaña do propio goberno de Digna Rivas.
Pola súa parte o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González Campo afirma que estáselle dando as costas ás demandas dos colectivos da parroquia que xa se manifestaron a favor da saída da empresa situada en pleno núcleo urbano de Chapela.
En decembro, o goberno levou ao consello parroquial como un punto as alegacións de colectivos, sorprendentemente sen aportar ditos documentos. Acordouse volver convocar tras o Nadal ao Consello con ditas alegacións ben preparadas. Agora convócase dous meses despois, e na orde do día non aparece absolutamente nada, denuncia.
O voceiro nacionalista afirma que ante un problema de relevancia social na que a A.VV. de Chapela xa desenvolveu unha campaña informativa sobre a situación irregular de Arcelor Mital, o goberno municipal volve darlles as costas. Débese garantir o dereito a un desenvolvemento urbano armónico entre necesidades sociais e calidade de vida dos veciños e veciñas, e iso pasa pola saída da empresa da súa ubicación actual, afirma.