O BNG demanda a protección do Sobreiral de Soutoxuste
Xoán Carlos González Campo, "Trátase das derradeiras mostras deste tipo de arborado na beiramar da Ría de Vigo”
17 mar. 2026 - 10:02
No fondo da Enseada San Simón, no barrio de Soutoxuste, pertencente á parroquia do Viso, pódese atopar unha masa arbórea de algo máis dunha hectárea, na que abondan as sobreiras. Este Sobreiral de Soutoxuste ou de Medal, ocupa unha estreita franxa entre a beiramar e a N-550, delimitada por sinuosas curvas.
Neste sobreiral, podemos atopar un importante número de sobreiras e incluso algunhas poden superar os dez metros de altura. Trátase dunha das escasas mostras dunha especie arbórea moi presente noutros momentos da nosa historia, polo seu uso, tamén perto do mar.
Ante o risco de que en vindeiros anos estas árbores poidan sufrir algunha poda ou incluso tala, máis por descoñecemento que por outra cousa, dende o BNG instouse a iniciar un proceso de protección deste Sobreiral. En concreto no marco das Alegacións ao Plan Xeral, instouse a desenvolver un especial coidado deste entorno.
Dende o Bloque Nacionalista Galego defendemos a posta en valor e recuperación deste enclave, para que sirva de mostra do pasado e para volver os ollos sobre a necesidade de preservar o noso monte autócono, manifestou o voceiro nacionalista Xoán Carlos González Campo.