O BNG anuncia 30.000 euros en subvencións ás Traídas de Auga.
Xoán Carlos González, “aprobáronse as bases como condición obrigatoria para facilitar os orzamentos municipais”
13 feb. 2023 - 08:42
Satisfacción na organización nacionalista pola publicación das bases de subvencións ás Traídas de Auga do concello de Redondela, “resultado dos acordos para facilitar a aprobación dos orzamentos municipais”, sinalan. Consideran que se trata dun primeiro paso “no apoio do concello con estas entidades que suministran de auga para o consumo humano a miles de veciños e veciñas”.
Xoán Carlos González voceiro nacionalista salienta a importancia destas subvencións. “A chegada de Javier Bas á alcaldía supuxo a eliminación das axudas. Dende aquela as Traídas están atravesando unha grave situación porque o modelo de autoxestión, careceu de apoio municipal”. Afirma que o financiamento ás Traídas de Auga conseguíuse malia as reticencias do PSOE “porque dende o BNG establecémolas como condición indispensábel para que os orzamentos se aprobaran”, destacou.
Puxo en valor o concelleiro nacionalista o papel destas entidades que desenvolven unha actividade de grande responsabilidade e complexidade polo que deben contar co apoio económico municipal. Calcula que arredor de trinta entidades de todo o concello poderían verse beneficiadas por estas axudas, “que neste primeiro ano chegan a un total de 30.000€”.
Proxectos como a captación da augas, procesos de potabilización e almacenamento, ou o sistema de distribución de auga potable recibirán as axudas en base a un baremo establecido nas bases, indica o edil nacionalista. Tamén se incluirá a elaboración de proxectos ou gastos de asesoría todos eles referidos ao ano 2022.
Valora positivamente Xoán Carlos González ter recuperadas as o subvencións ás Traídas de Auga, porque desenvolven un papel de suma importancia na subministración de auga apta para o consumo humano a centos de fogares redondelás. “Se en maio os veciños e veciñas de Redondela nos permiten chegar a alcaldía ao longo do vindeiro mandato imos multiplicar a partida correspondente a estas axudas”, sinala finalmente.