O BNG califica de anuncio electoralista as obras en Cidadelle
Xoán Carlos González, “Demandamos a Digna Rivas unha reforma integral desta parte alta da parroquia de Chapela”.
06 feb. 2023 - 08:40
Dende a organización nacionalista saen ao paso da proposta do goberno municipal de obras en Cidadelle. Consultada a Plataforma de Contratación pública, non existe ningún anuncio de mesa de contratación desta obra “polo que nos atopamos ante un mero anuncio de carácter electoralista” sinalan. “Quíxose dar a impresión do inicio inminente das obras, cando nin sequera existe un proxecto público”.
Consideran que corresponde ao goberno municipal buscar e priorizar as inversións dos fondos públicos “para que todos os veciños e veciñas desta zona se vexan beneficiados e beneficiadas por igual”.
Pola súa banda o voceiro nacionalista Xoán Carlos González demanda “unha reforma integral máis ambiciosa que inclúa toda a estrada desta parte alta de Chapela”. Refírese en concreto á proposta do goberno municipal de dividir en varias fases as obras. “O resto de veciños e veciñas de Cidadelle tamén teñen dereito a que se teña en conta a súa situación de deterioro de infraestructuras”.
Para o edil do BNG “Digna Rivas non pode desenvolver a mesma fórmula do PP de dividir obras en varias fases, para alongalas no tempo. Agardabamos máis rigor e seriedade con iniciativas deste tipo”. Entende que o goberno municipal manexa toda a información sobre as necesidades e prioridades do concello de Redondela.
Para Xoán Carlos González estase perdendo a oportunidade dunha reforma integral convertendo esta rúa cunha complexa orografía, nun vial modelo acorde aos nosos tempos. “Debe incluírse abastecemento de auga, alumeado público eficiente, accesibilidade a internet”.
Empraza á alcaldesa Digna Rivas a que inclúa o acordo plenario impulsado dende o BNG de mellora da seguridade viaria en todo o Concello. “Queremos que a subida a Cidadelle permítalle aos veciños e veciñas poder camiñar polo vial con seguridade. As estradas son para todos e todas”.
Finalmente considera Xoán Carlos González que “Redondela non pode seguir ancorada en vellos modelos de renovación das nosas estradas. Cómpre acometer actuacións integrais, con perspectiva a medio e longo prazo, na que convivan o peón e peoa, e os vehículos, e na que as inversións de cartos públicos se realicen con criterio”