O BNG considera un agravio o cambio de finalidade do Centro de Día de Cesantes.
Segundo a secretaria xeral de política social, non existe demanda en Redondela para o Centro de Día.
A unha pregunta presentada pola deputada nacionalista, Carme Adán, feita no mes de xaneiro, a secretaria xeral de política social anunciou o cambio de finalidade do Centro de Día e Fogar Residencial de Cesantes.
Despois de seis anos dende que se iniciaran os trámites de construción do Centro de Dia e Fogar Residencial de Cesantes, e máis de dous dende que as obras están rematadas, a Consellaría de Traballo, anuncia agora que non se vai crear dito equipamento.
Trátase dun equipamento de carácter social de primeira necesidade para o cuarto concello da provincia, segundo o concelleiro nacionalista Xoán Carlos González.
Na propia comparecencia da secretaria xeral de política social da Consellaría de Benestar, argumentou que non existe demanda de prazas en Redondela para este Centro, o que para o BNG constitúe todo un agravio comparativo. Moitos outros concellos do País gozan deste equipamento que agora a Consellaría de Benestar nega.
Bótanse por terra as expectativas de veciñ@s, familias e colectivos posto que se trata dunha demanda de primeira necesidade para unha atención de calidade ás persoas maiores, segundo o concelleiro nacionalista.
Despois de que en varios orzamentos a instancias da organización local, o grupo parlamentario do BNG presentara emendas aos orzamentos da Xunta, negados cos votos do PP, agora afirman que dispoñen dunha dotación de 400.000.
Tal e como recoñeceu a responsábel da Xunta, levan varios anos negociando o cambio de finalidade do Centro. O que nos preguntamos é o papel que desempeñou o alcalde Javier Bas, en todo este proceso e se se lle informou cando a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, visitou Redondela.
Enlace: http://www.carmeadan.enblogue.org/o-centro-de-maiores-de-cesantes-cambia-de-uso/