O BNG considera vergoñento o bloqueo da ordenanza de Emerxencia Social
Xoán Carlos González denuncia a “falta de vontade de PP, PSOE e AER para sacar adiante axudas económicas imprescindibles para moitos veciños e veciñas”.
14 xan. 2023 - 12:05
A celebración do derradeiro Pleno de 2022 converteuse nunha “nova oportunidade perdida para aprobar o texto da ordenanza de Emerxencia Social”, valoran dende a organización nacionalista. “Van xa tres meses dende que o texto presentado foi rexeitado cos votos de PP e AER”, recordan. Consideran que se trata dunha “estratexia de bloqueo encabezada polos populares, con escasa vontade por parte de AER e PSOE para desatascar a situación”. Considera que se trata dun bloqueo vergoñento dun instrumento para loitar contra a precariedade.
Pola súa banda o voceiro nacionalista Xoán Carlos González cargou contra a actitude dos grupos que votaron en contra que xa dende maio manexaban o documento sen facer aportacións. “Están paralizando un texto necesario para que moitos veciños e veciñas reciban axudas económicas municipais, escudándose en informes técnicos”. “O PP como grupo maioritario mantén bloqueada a ordenanza baixo directrices de Javier Bas”, sinalou. En canto a actitude de AER e PSOE referíuse a que “escenificaron moi boas relacións en diversos acordos, mantendo dende hai meses conxelado o da aprobación de Emerxencia Social”.
Recordou a importancia de sacar adiante a modificación da actual Ordenanza. “Contemplanse axudas económicas para aquelas familias que están a sufrir os envites da crise económica”. Cun orzamento de 80.000€, pódese solicitar a colaboración do concello para evitar desafiuzamentos, axudas para aluguer ou bens de primeira necesidade como alimentos, vestidos, recibos de enerxía eléctrica, melloras na habitabilidade das vivendas.
Afirmou o edil do BNG que a ordenanza rexeitada podería facilitar que moitas familias aumenten a contía das axudas, dun xeito máis axil por parte do concello. “Medra o nível de ingresos das familias que se poden acoller a estas aportacións económicas. Tamén aumenta a contía das axudas que poden recibir as familias, “mesmo triplicando o que actualmente reciben”, enfatiza. Valora como positivo que os informes sociais, teñan máis repercusión e que se reduzan os prazos das concesións de urxencia.
Empraza Xoán Carlos González á alcaldesa Digna Rivas, a poñer maior empeño en acadar os apoios necesarios para sacar adiante o texto. Insiste o edil nacionalista en manter o voto afirmativo do BNG “porque queremos ser útiles aos veciños e veciñas de Redondela. Mantemos o noso compromiso de actuar con responsabilidade tendo en conta os dereitos de colectivos e familias que están a sufrir a grave crise económica”.