O BNG considera vergoñento o trato do goberno de Digna Rivas coas persoas con diversidade funcional
Xoán Carlos González: "desaproveitaron o 3 de decembro para anunciar a xeralización de pictogramas en espazos públicos".
09 dec. 2025 - 18:09
A instalación de pictogramas en varios semáforos do casco urbano de Redondela, polo goberno de Digna Rivas supuxo toda unha campaña publicitaria. Lonxe de ser o inicio para a instauración deste sistema de comunicación en espazos públicos do noso concello, converteuse nun novo capítulo vergoñento.
Durante meses nada máis se fixo para facilitar a accesibilidade das persoas con diversidade funcional aos espazos públicos. Dende o BNG demandamos hai varios meses que se deran pasos en firme para ampliar o uso dos pictogramas.
Lamentamos que outra volta se empregara dende o goberno de Digna Rivas o 3 de decembro, Día das Persoas con Diversidade Funcional, para a lectura de propósitos que non se substancian en nada.
Atopámonos pois ante unha vergoñenta campaña, que soamente se emprega para encher titulares, sen dar pasos en firme para ter en conta a todos e todas. Lamentamos que se empregue dende o goberno municipal ás persoas con diversidade funcional para facerse fotos, sen inversións cara a unha integración real.