O BNG cuestiona o modelo de “humanizacion” de PP e PSOE
Fronte ao concepto limitado só a obras de renovación, dende o nacionalismo defendemos intervencións co fin de recuperar espazos para uso da veciñanza.
18 set. 2023 - 08:34
O recente encontro mantido entre a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a delegada da Xunta, Ana Ortiz centrouse na segunda fase da “humanización” da avenida de Vigo en Chapela.
A escasa información que se concreta na nova define o que xa todo o mundo sabe, que tanto PP como PSOE falan o mesmo idioma ao referirse a humanizacións. Os resultados de presuntas humanizacións promocionados por ambas forzas, limítanse a unha serie de obras que serven para renovar infraestructuras obsoletas, novas beirarrúas e asfalto.
Dista esta liña de traballo coa verdadeira recuperación de espazos urbanos para uso e disfrute dos nosos veciños e veciñas, que defende o Bloque Nacionalista Galego de Redondela. Trátase de que aquelas zonas máis castigadas polo tráfico, onde a xente queda reducida e un segundo plano, se faga dona do espazo público. Trátase de todo un reto, dun cambio de mentalidades, de novas políticas que de verdade aposten polas persoas. Un reto que dende a nosa organización estamos dispostos e dispostas a afrontar.
Demandaremos que a reforma da avenida de Vigo, aumente o tamaño das beirarrúas, que se reduza a velocidade do tráfico e que haxa máis medidas de seguridade para a veciñanza de Chapela.