O BNG cuestiona o novo edificio a construír en Arealonga
“Contará con trinta e seis vivendas, unha fachada de ata cincuenta e dous metros, co que se vai deteriorar aínda máis o entorno da praia de Chapela”, afirma Xoán Carlos González
A proposta de construción a escasos vinte metros da Praia de Arealonga, dun único edificio conformado por baixo, dous andares, e baixo cuberta, non conta co beneplácito da organización nacionalista. Segundo expresou o seu voceiro municipal, Xoán Carlos González, “péchase definitivamente o bordo litoral de Chapela cunha nova edificación”. Os terreos a ocupar atópanse practicamente no propio areal en Chapela, un dos espazos de lecer da veciñanza.
Recorda o edil nacionalista, que o proxecto que vai desenvolver a promotora, contou co rexeitamento de numerosos veciños e veciñas, que presentaron alegacións. Dende o BNG, consideran que existen evidencias fundadas, para non apoiar esta proposta que finalmente saíu adiante. “Toda a fronte da praia vaise converter nunha fachada de edificacións”, engade.
O que se aprobou no Pleno é un estudo de detalle para reordenar os espazos para este edificio, que propón unha fachada de ata vinte cinco metros na súa fronte marítima. Parcialmente agochada, por construcións xa existentes, chegaría ata os cincuenta e dous metros de ancho por nove de altura. Constará de baixo, dúas plantas e baixocuberta con vinte seis pisos e apartamentos, e ata corenta e seis prazas de aparcamento. “O que se pretende é sacar o máximo rendemento lucrativo desta obra, mesmo reconvertendo o baixo, tradicionalmente destinado á actividade comercial, en oito vivendas” sinala o voceiro do BNG.
Por outra banda considera, que as corenta e seis novas prazas de garaxe suporán un incremento do número de automóbiles que continuamente se moverán nesta zoa de lecer de Chapela, principalmente en época estival. “O entorno do espazo de Arealonga, vaise ver gravemente alterado” sinala. “O caso máis extremo producirase nos accesos aos garaxes polo Camiño da Grila, onde nin sequera pode acceder unha ambulancia.
Xoán Carlos González, considera que esta construción, vai supor un novo problema de encarecemento da vivenda no entorno de Arealonga. “Estamos ante unha edificación cunha marcada orientación de segunda residencia, co que se vai encarecer tanto o prezo en propiedade como os alugueres en parte de Chapela” . Critica que dende o goberno de Digna Rivas se renuncie a controlar a suba do prezo dos pisos.
A proposta de modificación do PERI de Chapela, contou co apoio de PSOE, PP, e AER. “A decisión do BNG, foi a de rexeitar esta proposta, posto que non obedece aos intereses medioambientais da praia, de mellora de espazos públicos, nin de condicións máis favorábeis para adquisición de vivenda para o conxunto da veciñanza”, remata na nota o edil do BNG.