O BNG culpa a Augas de Galiza dos problemas das enchentes en Redondela
“Instamos a que o goberno de Digna Rivas demande que este ente asuma a renovación dos desperfectos do Paseo do Maceiras”, empraza Xoán Carlos González
26 dec. 2022 - 08:48
As fortes choivas caídas nas dúas últimas semanas na bisbarra de Redondela, provocaron as enchentes de ríos e regatos no noso concello. Unha das zonas máis afectadas foi o Val do Maceiras por onde discurre o río co mesmo nome.
Dende a organización nacionalista consideran que Augas de Galiza, dependente da Xunta e responsábel da saúde e calidade das nosa conca, “tén unha grande responsabilidade polos problemas derivados das enchentes”. Denuncian que a falla de inversión e o desinterese pola situación dos cauces e das ribeiras do ríos do concello de Redondela, agravaron os efectos das fortes choivas.
Pola súa banda o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González considera extremadamente grave “a situación na que quedou o Paso do Maceiras onde o río desbordou e as augas arrasaron grande parte dun dos principais pontos de esparcemento do concello”. Considera que, se ben a cantidade de choiva caída nos últimos días, foi moi importante “se se houberan desenvolvido políticas preventivas de limpeza e mantemento por Augas de Galiza, non sufriríamos esta situación”.
Afirma que nos atopamos ante un novo exemplo do desinterese da Xunta por Redondela. “Como era de esperar o PP, con Javier Bas á cabeza, garda silencio”, afirma o edil nacionalista.
Anuncia Xoán Carlos González, que “vén de demandar á alcaldesa Digna Rivas que solicite a Augas de Galiza que asuma a reposición dos desperfectos causados polas enchentes, ao non cujmplir co seu papel como xestor dos nosos ríos”.