Moción do BNG para a mellora da seguridade viaria nas parroquias do concello de Redondela
“Emprazamos a que o goberno de Digna Rivas invista os orzamentos participativos en seguridade viaria ”, anuncia o voceiro municipal Xoán Carlos González
26 dec. 2022 - 08:53
Para a sesión plenaria correspondente ao mes de decembro, o Bloque Nacionalista Galego presenta unha moción que pretende a mellora da seguridade viaria nas estradas de titularidade municipal. “Necesítase dunha planificación e inversión real nas estradas, para que se poidan empregar cunhas mínimas condicións de seguridade” afirma Xoán Carlos González. Refírese ás inversións que se teñen afrontado nos últimos anos que se limitan a piche e asfalto, “sen ter en consideración medidas reais de seguridade viaria”.
Para o voceiro nacionalista “débese elaborar con rigor un plan para que os nosos veciños e veciñas poidan desprazarse e camiñar polas estradas municipais con total seguridade, considerando aos peóns e peoas como principais usuarios”, defende. “Cómpre cambiar o concepto da finalidade das estradas, que non só son para os coches, son tamén para a xente”.
Afirma o edil nacionalista que os orzamentos participativos, perto de douscentos mil euros, son unha partida o suficientemente importante como para poñerse a traballar no tema. “A presentación da moción pretende facer entrar en razón ao goberno de Digna Rivas, para que se realice a inversión nun tema tan importante como a seguridade viaria no conxunto das parroquias redondelás”. Comprométese Xoán Carlos González, a que na conformación do novo goberno no mes de maio “este tema vai ser un dos prioritarios do noso traballo”, remata na súa nota.