O BNG en contra da privatización do Servizo de Atención Temperá
O BNG de Redondela presentou alegacións ao proxecto do servizo de atención temperá e denuncia “importantes lagoas” na súa planificación
28 abr. 2026 - 13:00
O Bloque Nacionalista Galego de Redondela presentou alegacións ao prego técnico do servizo de atención temperá para os concellos de Redondela, Fornelos, Pazos de Borbén e Soutomaior denunciando que o proxecto impulsado polo goberno local “nace con importantes deficiencias e sen garantías suficientes”. A organización nacionalista cualifica a proposta de “improvisada” e alerta de que o servizo “pode arrincar xa con eivas” pola falta de planificación e de rigor do goberno local
Un dos aspectos que máis preocupa ao BNG é a elección do espazo onde se ubica a aula de atención temperá, nos baixos do edificio da oficina de turismo. Lembran que este inmoble foi rehabilitado cun investimento de 350.000 euros e cunha finalidade moi distinta á actual, ao abeiro dun proxecto financiado con fondos europeos orientado a usos culturais e turísticos, como sala de exposicións, espazo polivalente, museo etnográfico ou propia oficina de turismo. “Estamos ante un cambio de uso sen xustificación nun espazo que nunca foi deseñado para atención temperá”, denuncian. Ademais, subliñan que o local xa foi empregado como oficina de Normalización Lingüística e como sala de consulta do Plan Xeral, e que presenta carencias evidentes, como problemas de illamento acústico e iluminación, pouco compatibles cun servizo dirixido a nenos e nenas de 0 a 6 anos.
A estas deficiencias súmase, segundo o BNG, a falta de concreción sobre cuestións básicas para o funcionamento do servizo. O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, advirte de que “o goberno local non concreta en ningún convenio cos concellos de Fornelos, Pazos de Borbén e Soutomaior como se vai financiar o equipamento necesario nin quen asumirá o custo dos materiais”. Recordan que este servizo está subvencionado pola Xunta de Galiza, pero dita subvención non contempla gastos de locais, obras ou materiais.
Neste sentido, lembran que a atención nestas idades require intervencións específicas, xa que “a educación psicomotriz e a integración sensorial son fundamentais no desenvolvemento evolutivo”, polo que considera imprescindible contar con terapeutas ocupacionais especializados, algo que non queda garantido no proxecto presentado.
Do mesmo xeito, os nacionalistas critican a falta de información sobre aspectos clave como os criterios de admisión das crianzas ou o modelo de cofinanciación entre os concellos implicados, cuestións que consideran básicas para avaliar a viabilidade real do servizo.
A pesar das críticas, o BNG insiste en que a atención temperá é un recurso necesario e positivo, pero advirte de que o proxecto actual presenta “lagoas moi graves” que xa puxeron sobre a mesa a través das súas alegacións. Por último, critican que o goberno local non dera resposta a ningunha delas e conclúen que “se está a vender un proxecto a bombo e prato, pero a alcaldea Digna Rivas non ten vontade de mellorar o servizo recentemente ofertado”.