O BNG dedica a persoa de confianza ao asesoramento a colectivos
“Entre os seus cometidos contemplamos o apoio na tramitación de axudas e subvencións, destaca o voceiro nacionalista Xoán Carlos González"
12 feb. 2024 - 12:34
A persoa designada polo grupo municipal nacionalista para desenvolver o seu traballo no concello de Redondela tamén se dedicará a apoiar a asociacións de todo tipo na tramitación de subvencións. Así o anunciou o voceiro do BNG Xoán Carlos González Campo nunha nota difundida aos medios de comunicación. Esta figura estableceuse froito dos acordos polos que o BNG apoiou a investidura de Digna Rivas.
Unha figura na oficina da organización nacionalista no concello que compaxina co seu traballo de avogada en Vigo. Trátase dunha persoa coñecedora da dinámica social de Redondela, pois foi veciña durante dez anos. Implicada na defensa dos dereitos lingüísticos do galego que mesmo ten participado ante a Unión Europea, denunciando as políticas da Xunta de Galiza contra o noso idioma, salienta o edil nacionalista.
Segundo Xoán Carlos González o concello non dispón de persoal para este cometido, polo que se decidiu que esta figura apoiara os colectivos ante a demanda de moitas asociacións na tramitación de subvencións e axudas económicas. Na maioría dos casos as directivas confórmanas persoas a título voluntario, que se atopan ante numerosos obstáculos nestas tramitacións. Como exemplo da complexidade está a convocatoria de axudas da deputación de Pontevedra, ás que Xoán Carlos González cualifica de propaganda: Moitas colectivos renuncian finalmente a tramitalas.
Valora positivamente o traballo desta persoa designada polo Bloque Nacionalista Galego, exemplificándoa na atención aos veciños e veciñas afectadas polas pantallas acústicas en Torres Agrelo. Pola súa acción de asesoramento trasladamos inmediatamente esta grave situación ao Congreso, onde se presentaron diversas iniciativas.
Nas últimas semanas xa se teñen comunicado con algunhas entidades, para que sexan coñecedoras desta nova responsabilidade que asumen dende a organización nacionalista. Trátase dun compromiso de apoio do Bloque Nacionalista Galego ao movemento asociativo redondelá, e seguirémolo facendo no futuro. A oficina do grupo nacionalista está ubicada no propio Concello de Redondela, na planta da entrada, e recibe tanto a veciños e veciñas a título particular como a todo tipo de colectivos e asociacións.