Xoán Carlos González fala de hipocresía do PP co SAF de Redondela
Desvela que Javier Bas renunciou a asistir ás mesas de contratación, ademais de absterse no Pleno no que se aprobaron as bases do novo servizo.
13 feb. 2024 - 10:08
A campaña orquestada dende o Partido Popular de Redondela arredor do Servizo de Axuda no Fogar, constituíu todo un exemplo de uso partidista. “O mal funcionamento da empresa que aínda hoxendía presta o servizo, magnificouse por Javier Bas e o seus”, afirma o voceiro nacionalista.
Recorda que no proceso previo á convocatoria do Pleno o Partido Popular solicitou a convocatoria da comisión de servizos sociais “entorpecendo o traballo das empregadas públicas que estaban rematando os pregos do novo contrato”. Máis tarde na sesión plenaria onde se debían aprobar estos pregos, o Partido Popular decidíu absterse, “amosando o seu máis absoluto desinterese por buscar unha solución ás carencias do servizo”, indica o voceiro nacionalista.
A non asistencia de Javier Bas como representante do PP na mesa de contratación, volveu demostrar que o único interese era “partidista utilizando as demandas das familias, e a precariedade laboral das traballadoras”.
Afirma o edil nacionalista que o BNG decantouse por apoiar os pregos da contratación porque son un instrumento para mellorar o servizo fiscalizándoo. Salientou que “o compromiso adquirido por Ana Pontón, é o de aumentar significativamente a aportación da administración galega ao SAF para que a atención ás persoas dependentes se preste nas mellores condicións, e coas mellores garantías”, remata na súa nota.