Jéssica García comprométese en Cedeira na defensa radical do BNG dos servizos públicos.
“Con Ana Pontón de presidenta a sanidade, o ensino a atención aos nosos maiores converteranse en piares da acción política do goberno da Xunta”.
12 feb. 2024 - 09:11
Iniciou o BNG de Redondela a sua xeira de encontros coa veciñanza por diversas parroquias, en Cedeira. Ante os e as alí congregadas, o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González alentou a tomar a forza do voto para cambiar o rumbo do País. “Cómpre concentrar o voto do cambio no BNG para liderar a transformación e modernización de Galiza”.
Pola súa parte a concelleira e membro da candidatura nacionalista Jéssica García recordou que no acto coa presenza de Ana Pontón en Redondela, “centrouse na defensa dos servizos públicos”. “Debemos poñer o ensino na primeira liña da acción dende a Xunta”, recordando que en Cedeira a presión e mobilización da ANPA e das familias conseguíu o cambio do teito do patio cuberto.
Detívose tamén na situación da atención á infancia, reclamando unha nova escola infantil para Chapela, porque é un dereito que o PP de Rueda negou. “Co BNG gobernando construirase esta infraestrutura educativa”, salientou.
Tamén se referiu na súa intervención á defensa da sanidade, recordando a “importante mobilización a celebrar polas rúas de Compostela en defensa da Sanidade Pública”.
Noutro momento da intervención referiuse ao “aumento de partidas para apoiar a atención ás persoas maiores, e que o SAF sexa un servizo prioritario”.
Finalmente Jéssica García destacou que “estamos preparados e preparadas para todo, e para acompañar na acción de goberno á presidenta Ana Pontón”.