O BNG defende un modelo de orzamentos participativos alternativo.
Tal como prantexou no seu día AER, esta fórmula asumida polo PP, convértense nun mercadeo de onde repartir os cartos.
No Pleno de Xullo, recollíase como un dos puntos a aprobar pola orde do día a proposta do goberno municipal, de orzamentos participativos. Tratábase de refrendar unha fórmula, diametralmente oposta á defendida polo BNG.
Salvo no primeiro ano, no que a forza nacionalista apostou por darlle un marxe de confianza á proposta de AER e do PP, o resto dos anos criticouna duramente. Corríase o risco de que se convertera en cabalo de batalla entre a veciñanza.
O reparto lineal dos orzamentos, recollidos nunha única partida, unha vez aprobada a proposta de orzamentos municipais, xa se trata dunha cuestión difícil de defender.
Habilmente, o goberno de Javier Bas, manipulou estes orzamentos, para que só se adicaran en infraestruturas. O Bloque Nacionalista Galego, a traveso dos seus representantes nos Consellos, converteuse na única forza que cuestionou esta dinámica.
O tempo, foi dando a razón ao BNG. Orzamentos, que se presentaban a finais de ano, Consellos Parroquiais que se convertían en auténtico mercadeo, e enfrontamento entre colectivos. Éxito do goberno Bas, porque mesturaba a obriga da inversión municipal nas parroquias, coas lexítimas demandas dos veciños e veciñas. Marquesiñas, cartaces informativos, farolas, barandas, algún tubo de desaugue, valados... Ao final, arredor de 400.000, que non queda moi claro onde acabaron.
Deste xeito, o BNG, prantexou o seu modelo alternativo, verdadeiramente participativo, e comprometido coa veciñanza. Non se lle deu o apoio á proposta do goberno de Javier Bas, porque afondaba no mantemento dunha fórmula ineficaz.
Aprovéitase agora esta polémica, como sempre, para falar da manipulación por parte das forzas políticas dos colectivos e Consellos. Terán que poñerse datos enriba da mesa, de que colectivos ou Consellos ten manipulado o BNG de Redondela. De non seren así, as persoas que verquen estas afirmacións, deben ser consideradas de mentireiras e manipuladoras.
Nesta cuestión, e en tantas outras que afectan á vida da veciñanza, o BNG continuará defendendo as súas propostas. Continuará defendendo un verdadeiro modelo de implicación e participación da veciñanza. Os orzamentos participativos, convértense nun dos mellores recursos para poñer en práctica este principio.