O BNG demanda á alcaldesa de Redondela, apoio para Vulcano.
Nun escrito presentado polo voceiro municipal, Xoán Carlos González, pide o voto en contra da alcaldesa da pretensión da Autoridade Portuaria, de extinción da concesión ao estaleiro vigués. “Este voto en contra, vai ser un voto de apoio a ducias de familias traballadoras”, manifesta.
O punto vaise tratar no Consello de Administración que o ente portuario celebrará o vindeiro venres 30 de abril, entre os que se recolle o que o voceiro nacionalista cualifica de “finiquito para un dos estaleiros de maior tradición, da beiramar da Ría de Vigo”.
Consideran dende a organización nacionalista, que “Vigo e a súa área metropolitana non pode seguir esmorecendo a actividade industrial”. “Moitos postos de traballo e o futuro da bisbarra, dependen de manter o estaleiro e as subcontratas”.
Súmase esta petición nacionalista, ás plantexadas dende diversos sectores económicos e sindicais, que ven como o peche de Vulcano, somentes empobrecerá a moitas familias da área de Vigo, incluída Redondela. Pretende o voceiro do BNG, que Digna Rivas manteña o voto en contra de que se extinga a concesión. “Entendemos que debe actuar en interese da veciñanza”, afirma.
“Se se deteñen as pretensións da Autoridade Portuaria, podemos asegurar o futuro de Vulcano, ademais dun sector estratéxico na área máis industrializada de Galiza”, remata na súa nota o edil nacionalista.