O BNG plantexa rematar o saneamento en Cabeiro, con cargo ao remanente municipal.

sdr
Jéssica García e Xoán Carlos González coa veciñanza de Cabeiro.

Nun encontro coa veciñanza, os concelleiros nacionalistas presentaron a Moción para unha obra pendente de rematar dende hai seis meses.

O BNG plantexa rematar o saneamento en Cabeiro, con cargo ao remanente municipal.

A ampliación do saneamento no lugar do Campiño, na parroquia de Cabeiro realizouse ao longo do outono. Cun orzamento de 151.628,68€, o Proxecto recollía a construción dun colector principal, e varios secundarios dunha lonxitude total de 1638m. A rede contemplaba a construción de 39 acometidas, e 81 pozos de rexistro. Deste xeito, unha importante parte da parroquia quedaría conectada a unha infraestrutura básica municipal, como a do saneamento.

Case rematadas as obras, os veciños e veciñas afectados, recibiron con sorpresa a nova da paralización da fase correspondente ás acometidas entre os colectores xerais e as propiedades, malia que si estaba orzamentada e aprobada. Segundo puideron saber en encontros co edil de medioambiente, Roberto Villar, e a alcaldesa Digna Rivas, obrigábaselles a costear esta parte da obra con cargo a aportacións extraordinarias, ademais dos 1.200€ por conexión.

Para o voceiro do BNG, Xoán Carlos González, “abandonábase á súa sorte a unha parte da parroquia, que pretendía conectarse ao saneamento”. En diversos encontros do grupo municipal nacionalista con membros da Asociación de Veciñ@s de Cabeiro, valoráronse diversas alternativas de presión ao goberno de Digna Rivas.

“Consideramos que neste tipo de obras, debe primar o interese colectivo, posto que o conxunto da veciñanza e o Concello sae beneficiado”, afirma o edil nacionalista. Asegura que estas obras levan décadas de atraso, polo que calcifícaas de prioritarias.

“Ante a preocupación deste grupo de veciños e veciñas, presentamos a moción co obxectivo de que se remate a obra. Cunha partida de 20.000€ con cargo ao remanente do ano 2020, solucionaríase o problema”, afirma.

Na Moción tamén se recolle que os orzamentos participativos conxeláronse no ano 2019, por acordo entre o PP e AER. “Queremos que se dea un cambio ao modelo  desta partida de 180.000€, que unicamente serven para actuacións de obrigado cumprimento do Concello. É o momento que se aborden obras de calado, como o remate deste saneamento en Cabeiro”.

O texto que se debaterá no pleno de abril, foi presentado polos concelleiros do BNG ,Jéssica García e Xoán Carlos González, nunha xuntanza mantida con veciños e veciñas afectadas. “Queremos presentar a nosa alternativa para solucionar unha problemática enquistada dende hai varios meses”, remata o edil nacionalista.

O BNG plantexa rematar o saneamento en Cabeiro, con cargo ao remanente municipal.