O BNG demanda ao goberno municipal sancións ao Aeroporto
“Nove meses despois das nosas denuncias continúan sen limpar as áreas da súa propiedade en Vilar”.
12 dec. 2022 - 09:02
Nove meses das denuncias da organización nacionalista sobre a falla de limpeza das propiedades que o Aeroporto de Peinador posúe en Vilar, a situación “mesmo se tén agravado”.
“O estado de abandono dunha parcela anexa á cabeceira do Aeroporto en Vilar, constitúe unha irresponsabilidade manifesta”, afirma o voceiro nacionalista Xoán Carlos González.
“Xa non se trata só de que a maleza está descontrolada, senón que mesmo invade o vial afectando á seguridade viaria e peonil”, sinala.
Recorda que tras as denuncias de abril, dende a dirección aeroportuaria respostaron que estaban licitando a limpeza. “Seis meses despois, nada”. Tamén apunta que en maio rexistrouse un incidente extremadamente grave cun avión que tivo que abortar o despegue porque unha pomba foi absorvida por unha das turbinas.
Daquela mesmo se chegou a sinalar a falta de limpeza dos montes de Vilar, como posible orixe das bandadas de pombas. “Atopámonos ante unha irresponsabilidade total por parte das autoridades do Aeroporto, que nin sequera manteñen limpas as súas propiedades”.
Ante manifesta neglixencia Xoán Carlos González, insta ao goberno municipal de Digna Rivas a que se inicie un expediente sancionador ao Aeroporto de Vigo.