O BNG demanda desbloquear o saneamento en Cabeiro.

IMG-20210122-WA0004
Entorno onde se proxectan as obras de saneamento en Cabeiro.

“O goberno de Digna Rivas vai contar co noso apoio, para modificar o Regulamento que obriga a particulares a sufragar as acometidas á rede principal”, compromete o voceiro nacionalista Xoán Carlos González.

O BNG demanda desbloquear o saneamento en Cabeiro.

As recentes obras de ampliación da rede de saneamento na parroquia de Cabeiro, estanlles supoñendo numerosos inconvintes aos veciños e veciñas da zoa. “As obras déronse por rematadas por orde do goberno municipal, na fase na que se deberían executar as acometidas entre a rede principal e o inicio das propiedades particulares”, apunta o edil nacionalista. A decisión sorprendeu entre a veciñanza, pois no Proxecto contemplábase que si se ía levar a cabo esta fase con cargo ao orzamento.

Nesta fase denominada “Zoa Sur de Cabeiro”, licitado por 151.000 €, instaláronse ata 1.600m. de colectores. No Proxecto contemplábanse 39 acometidas a vivendas particulares, que finalmente non se realizaron. “Ampárase o goberno municipal no Regulamento de Saneamento, na obrigatoriedade de que sexan os veciños e veciñas afectados, quen asuman o custe íntegro das acometidas”, apunta o edil nacionalista.

Tal como se recolle no Regulamento, os veciños e veciñas están obrigadas a conectarse,  o que lles supón obras de conexión dentro das súas propiedades ata o vial municipal “cuestións que entenden perfectamente”, apunta Xoán Carlos González. “O que non lles parece lóxico, é que teñan que asumir os 600€ por acometida, cando se realiza nun espazo público, como é o vial municipal”. “A problemática xorde das modificacións introducidas no Regulamento no ano 2014 cos únicos votos a favor do PP, cun claro fin recadatorio”, remarca.

Segundo o voceiro nacionalista, “a solución pasa por levar ao Pleno unha modificación do Regulamento de Saneamento, eliminando este apartado, o que suporá un beneficio non só para os veciños e veciñas afectados por estas obras, senón a futuros proxectos de saneamento que se deben realizar polo resto do Concello de Redondela”. Entende que unha infraestrutura de primeira necesidade como o saneamento, non se pode converter nun instrumento recadatorio municipal”.

Nun encontro mantido entre representantes veciñais, con membros da organización nacionalista comprometéronse a traballar para que as obras se realicen con cargo aos fondos municipais.. “Instamos a que o goberno de Digna Rivas, leve ao Pleno a modificación do Regulamento, eliminando da obriga de que os e as particulares costeen as acometidas, para o que vai contar co apoio do BNG”, remata na súa nota o voceiro municipal  do BNG, Xoán Carlos González.

O BNG demanda desbloquear o saneamento en Cabeiro.