O BNG demanda unhas Ludotecas de Verán, pensadas para os nenos e nenas
Emprazan ao goberno municipal a que se amplíe o proceso de inscrición con criterios máis flexíbeis
O proceso de selección para poder desfrutar das actividades organizadas polo Concello de Redondela, non sentaron nada ben na organización nacionalista. “Agardabamos que se modificasen os criterios de selección, con criterios máis flexíbeis, e sen tanta burocracia”, afirma a concelleira nacionalista, Jéssica García.
Recorda que estas Ludotecas, deben ter no centro da súa acción, aos cativos e cativas aos que se lles debe facilitar actividades lúdicas e educativas, durante os meses de vacacións escolares.
“Existe un erro de base na concepción de quen debe ser o beneficiario e beneficiaria destas Ludotecas. Son os nenos e as nenas”, afirma.
Por outra banda amosa a súa desconformidade co numeroso dos criterios que teñen que cumprir. “Igualmente observamos unha discriminación de xénero, pois non se contempla o traballo no fogar, como un dos que se debe ter en conta, á hora de seleccionar aos nenos e nenas”.
Emprazan ao goberno municipal, a “eliminar uns criterios herdados do goberno do PP; primando o interese educativo e de lecer dos nenos e nenas, e das súas familias”.