O BNG denuncia ameazas do goberno de Digna Rivas ao IES San Simón
Jéssica García “ ameazouse con quitarlles ao alumnado do Santa Mariña o pavillón municipal se o IES non cedía instalacións aos clubes deportivos ”
07 xan. 2025 - 18:40
No trámite de recoñecemento extraxudicial do derradeiro pleno do ano, o concello incorporou facturas correspondentes a gastos comprometidos cos Institutos redondelás pola súa colaboración con entidades deportivas de Redondela.
Algún destes centros educativos públicos como no caso do IES San Simón levaba sen cobrar dende o ano 2018. Ante o desinterese do goberno municipal por saldar débedas, dende o centro víronse obrigados a tomar medidas de presión para buscar unha solución definitiva á situación.
No debate plenario a concelleira nacionalista, Jésica García desvelou chantaxes e ameazas que calificou de “intolerables” verquidas dende o goberno de Digna Rivas cara ao centro educativo. “Responsabilizábase ao centro de secundaria de que se non permitían que os clubes empregaban as súa instalacións, impedirían que o alumnado do CEP Santa Mariña utilizara o Pavillón Municipal (A Bombonera)”.
“Trátase dun exemplo de mala xestión polo equipo de goberno, acompañado de ameazas a centros escolares públicos, que sempre amosaron a súa disposición a colaborar co deporte local”, insistiu a concelleira nacionalista. “Non imos permitir por parte do goberno de Redondela, chantaxes, mentiras e manipulacións de ningún tipo”, enfatizou .