O BNG denuncia que non se activara o protocolo contra a violencia de xénero en Redondela.

O BNG denuncia que non se activara o protocolo contra a violencia de xénero en Redondela.

Consideramos que se trata dunha nova mostra do desinterese do goberno de Javier Bas, ante o asasinato da moza Beatriz Rodríguez.

Confirmado o feito de que esta moza e o seu compañeiro, foron vilmente asasinados pola ex-parella dela, a concellaría de Igualdade, debería ter posto en marcha o protocolo acordado polo Consello Municipal de Muller.

Dito protocolo, recolle entre outras cuestións, colgar un lazo negro na páxina do Concello, xunto á faixa rexeitando a violencia machista, e convocar unha concentración diante do edificio consistorial. Para contar co respaldo da veciñanza, debe dárselle a maior difusión posíbel.

Os tristes feitos do asasinato de Beatriz, foron coñecidos o sábado pasado, e este luns xa estaba confirmado que se trataba dun novo caso de violencia machista.

A violencia de xénero, cobrouse unha nova vítima en Galiza. O Concello de Redondela, sempre desenvolveu diversas iniciativas para concienciar ao conxunto da veciñanza. O fin do mesmo: rexeitar, denunciar,... calquera mostra de violencia machista, física ou psicolóxica. Noutros concellos da nosa contorna desenvolvéronse actos en repulsa deste asasinato.

Con tal motivo, ante unha nova desta gravidade, debería terse activado dito Protocolo. Ao longo de todo o día, dende a forza nacionalista, agardamos para que a concelleira, Teresa París, tomara iniciativa e abandeirada a actuación da administración local. Mais esta acción non tivo lugar.

Con esta desidia da Concelleira de Muller, constátase que non está entre as súas prioridades, denunciar estes casos extremos de violencia sobre as mulleres. Para o BNG, trátase dun feito de graves consecuencias, posto que non volverán a fiarse de que asuman esa responsabilidade. Reservámonos, por tanto, o dereito a asistir a outro tipo de concentracións convocadas dende o Concello.

 

Convocatoria concentración mensual.

Coincidía igualmente o primeiro luns de mes, para celebrar Concentración en Repulsa da Violencia de Xénero. A do mes pasado, fora cancelada pola concelleira en funcións, Teresa París, por mor de problemas de axenda da Asociación encargada de ler o manifesto.

Destacamos dende o BNG, que, malia non haber convocatoria, algúns/as militantes nacionalistas, acudiron este luns 6 de xullo ás portas do concello, porque as súas firmes conviccións de loita pola igualdade da muller, constitúe unha das súas prioridades.

Para os nacionalistas, este tipo de actuacións, realizábanse moito antes de Javier Bas ou Teresa París se interesaran polos dereitos das veciñas de Redondela. Tamén seguirémolas realizando, cando eles xa non teñan responsabilidades de goberno.

Dende o BNG, centramos a falla de compromiso do goberno do PP, en que non cren nestas loitas de igualdade, porque comparten que o papel que lle ten reservado para as mulleres, é o de ama de casa e coidadora de pequen@s e maiores, rematan na súa nota.

 

O BNG denuncia que non se activara o protocolo contra a violencia de xénero en Redondela.