O BNG desenvolverá un Plan Municipal de Estradas Seguras
Xoán Carlos González, “melloraremos a seguridade viaria dos camiños municipais para que os veciños e veciñas poidan utilizalos como lugares de encontro".
08 maio 2023 - 07:31
Crear unha nova política de estradas dependentes do concello accesibles e seguras para toda a veciñanza. “Trátase dun compromiso do Bloque Nacionalista Galego ao que chegamos nos diferentes encontros parroquiais”, afirma o candidato á alcaldía Xoán Carlos González. Sinala que estes catro anos do goberno de Digna Rivas confirmaron que tanto PSOE como PP desenvolven políticas similares, asfaltados e pouco máis.
Sinala que unha das leccións da Pandemia, resúmese en que “a xente quere volver a saír aos camiños con seguridade, para encontrarse cos seus veciños e veciñas”. Proclama que se debe desenvolver unha nova política de camiños municipais. Resume as liñas estratétixas no que denomina Plan Municipal de Estradas Seguras.
“Trátase dun Plan que será debatido e consensuado nos Consellos Parroquiais, con nova sinalización, reductores de velocidade, delimitación de zonas para que os peóns e peoas poidan camiñar con seguridade”, comprometese Xoán Carlos González. Terase en conta a necesidade de incluír novas infraestructuras, ou mellorar as xa existentes como saneamento, abastecemento de auga, alumeado público, conexión a internet. “Sempre primando o interese colectivo”.
Defende un novo modelo de estrada municipal, onde conflúan o coche particular ou transporte público “co dereito dos veciños e veciñas a camiñar, empregar o patinete o a bicicleta. As persoas con mobilidade reducida tamén teñen que poder saír aos camiños con tranquilidade”.
Dentro deste Plan de Seguridade, inclúe Xoán Carlos González o que denomina “As Nosas Prazas”. Trataríase de recuperar pequenos espazos frecuentados pola xente ou lugares de encontro nas parroquias onde cunha pequena inversión na que se inclúan bancos recuperación de elementos patrimoniais ou zonas delimitadas só para as persoas. “O obxectivo é que a xente volva disfrutar de estar con xente”, afirma.
“Nestes momentos debemos recuperar a ilusión por ser e vivir en Redondela. Debemos abandonar as vellas prácticas para desenvolver novas políticas que motiven aos nosos veciños e veciñas a vivir tamén nas parroquias de Redondela”, compromete finalmente.