O BNG detecta numerosas irregularidades nas Ludotecas de Verán.
Proceso de inscrición sen publicidade, elevado volume de solicitudes presentadas no primeiro día xunto ao escaso número de prazas, constitúen algúns dos aspectos que a nosa organización cuestiona.
Aconsellamos ás familias que se quedaron sen praza que presenten reclamación por rexistro, esixindo se lles dea solución á súa solicitude.
Nos últimos días, veñen de publicarse as listaxes de admitidos nas Ludotecas de Verán organizadas polo Concello de Redondela. Como nos últimos anos, a demanda deste tipo de actividades, ten aumentado sen que a oferta de prazas cubra o alto número de solicitudes. Algo máis de 80 rapaces e rapazas de entre 4 e 14 anos, quedaron fóra desta convocatoria.
Segundo o concelleiro do BNG Xoan Carlos González, existen unha xeira de irregularidades que temos detectado neste proceso, e das que algunhas familias nos teñen comunicado. Sinala, como o período de presentación de solicitudes careceu da debida publicidade, normalmente a traveso dos centros de ensino. Chama a atención, que a páxina web do Concello non estivera operativa ata o luns 1 de xuño ás 0 horas, e xa ás 9 da mañá, houbera unha ringleira de persoas agardando a presentar as solicitudes. Apunta que neste primeiro día presentáronse arredor de 203, cando o número de prazas das Ludotecas para o mes de xullo, é de 225.
Por prantexarse, practicamente como principal criterio, a orde de entrada de solicitude, moitas familias quedaron fóra desta convocatoria, apunta o concelleiro do BNG. Considera que as prazas son insuficientes a todas luces.
Denunciamos dende o BNG, como, novamente o goberno de Javier Bas, non resposta a unha demanda de carácter social, que para moitas familias convértese en prioritaria durante as vacacións do verán. Que máis dun vinte por cen das solicitudes presentadas, queden sen praza reflexa a falla de previsión desta convocatoria.
Animo a todas as familias afectadas a que presenten por rexistro de entrada do Concello, unha reclamación, na que se exprese claramente a demanda de prazas para os seus fillos e fillas nas Ludotecas de Verán. O alcalde, Javier Bas, terá que dar resposta a estas necesidades.
Con tal motivo, ao longo da xornada do martes 30, presentouse un escrito dirixido ao alcalde de Redondela, para que poña en marcha as medidas axeitadas para que lle dean resposta ás 80 solicitudes que quedaron fóra da convocatoria.
Un proceso de inscrición pouco transparente, insuficiente número de prazas, constitúen suficientes argumentos como para que se aumente o número de prazas, dando resposta ás demandas das familias.