Xoán Carlos González, valora como papel mollado o discurso de investidura, do alcalde Javier Bas.
Critica que non asistira á concentración convocada polas ANPAs, contradicindo a súa pretendida defensa dos intereses dos veciños e veciñas.
Despois das palabras do recén estreado alcalde na sesión de investidura, nas que se comprometía á defensa dos intereses da veciñanza en diálogo cos colectivos sociais; que hoxe non estea ás portas do Concello apoiando ás familias do alumnado dos centros de ensino público de Redondela, evidencia a falla de interese polos verdadeiros problemas sociais , segundo manifestou o concelleiro nacionalista.
Membros do BNG, participaron da concentración convocada polas Asociacións de Nais e Pais, para denunciar a estratexia da Consellaría de Cultura, a respecto o empréstamo de libros de texto. Un dos aspectos máis destacados durante o acto, foi a indefinición dos responsábeis políticos desta área, ao emitir instrucións contraditorias durante estes meses.
Algúns membros das ANPAs, describiron situacións paradóxicas, nas que algunhas familias que tiveron que mercar os libros, non estaban dispostas a cederllos á Consellaría, si a outros compañeir@s. Outros, nos que no vindeiro curso haberá un número superior de alumnado, que no presente curso, non teñen claro como vai ser o reparto.
O concelleiro do BNG insistiu na defensa da gratuidade dos libros de texto, como un dereito universal que debe asistir a calquera cidadán, polo mero feito de selo. Acreditamos nun ensino público, gratuíto, laico e en galego como recurso do goberno galego para equilibrar as desigualdades sociais. A gratuidade dos libros de texto, unicamente é unha parte deste concepto.
Este alcalde, caracterízase pola palabrería, e o de hoxe, é un claro exemplo. Estaban dentro do Concello, organizando o seu novo goberno, e non se dignaron a baixar uns minutos a apoiar as xustas reivindicacións de ducias de familias convodas polas ANPAs, apostillou finalmente o concelleiro nacionalista.
O Bloque Nacionalista Galego, como vén sendo a súa liña de actuación a respecto o ensino público, vai continuar reclamando inversións para defendelo. Cómpre que todo o alumnado do noso País, poida desenvolver as súas capacidades nas mellores condicións posíbeis.