Xoán Carlos González: O BNG, vai seguir traballando polos intereses dos veciños e veciñas de Redond
En declaracións posteriores ao Pleno de Investidura, o concelleiro nacionalista, prantexou a necesidade de seguir traballando polas verdadeiras necesidades da veciñanza. O BNG, non vai quedar calado ante os envites do goberno da dereita en Redondela.
O alcalde, Javier Bas, quixo converter nun circo mediático a sesión de investidura. O feito de teren adiantado unha hora a sesión, unicamente para asegurar a presenza de medios de comunicación, evidencia en que liña vai actuar o alcalde Javier Bas, asegura.
Para Xoán Carlos González, carece de lóxica que se obviara o interese da veciñanza, no Pleno que expresa a vontade dos cidadás por excelencia, como o Pleno de Investidura. Trátase dunha nova mostra, de que a cuestión mediática, prima sobre o interese xeral.
Facendo unha valoración do que supón a posta en marcha do mandato, o concelleiro nacionalista considera que iniciamos catro anos de grande trascendencia para Redondela. Destaca Xoán Carlos González, a elaboración e aprobación do PXOM, como o grande reto deste mandato, mais existen outras cuestións que van marcar a vida dos nosos veciños e veciñas.
Considera que desenvolver políticas que mitiguen a crise económica, xunto ao fomento de iniciativas de emprego, deben ser os eixos sobre os que debe pivotar o labor do goberno de Javier Bas.Tamén se abre, segundo o concelleiro nacionalista, unha nova etapa, onde a Deputación vai deixar de ser concibida como unha caixa ao servizo do PP.
Non imos quedarnos de brazos cruzados, mentres o goberno municipal vai primar os intereses de partido sobre as verdadeiras necesidades veciñais. Imos traballar arreo, posto que temos propostas, capacidade, e xente moi motivada para que Redondela sexa un concello que resposta ás verdadeiras necesidades sociais, afirma Xoán Carlos González.
Aposta porque o nacionalismo, e a súa presenza na Corporación Municipal, van servir para que os verdadeiros problemas da veciñanza redondelá, teña presenza no Concello. Imos facer un traballo de diálogo continuo con colectivos e particulares, para que se lles dea resposta ás súas demandas, e ás súas aspiracións, afirma o concelleiro nacionalista.