O BNG encara o futuro con optimismo.
Na Casa da Cultura de Redondela ten lugar este venres 14, unha nova xuntanza do BNG, enmarcada na xeira de encontros con colectivos e cidadáns. Preténdese, nunha interlocución directa, poñer enriba da mesa problemáticas que nos afectan, alternativas e posíbeis solucións.
Soamente dende un movemento cidadá activo, responsábel, comprometido e que pon os intereses colectivos por riba dos particulares, pódese construír unha nova Galiza. O diálogo constante que se establece cos lexítimos representantes veciñais, enfócase dende a organización nacionalista como paradigma da participación.
Existe unha masa social, que a título persoal, ou organizada en colectivos, pretende asumir maior protagonismo nas dinámicas políticas, económicas e sociais. A reacción social, contra as medidas do Partido Popular, ao servizo dos poderes económicos, deben canalizarse por parte daquelas forzas que acreditan na participación e a democracia, como neste caso é o Bloque Nacionalista Galego.
Non vai quedar fóra Redondela, polo menos no que está na man do BNG , deste debate constante no seo da sociedade. O modelo Asemblea Aberta pretende converterse nun espazo de encontro no que se expoñan as problemáticas que están a asfixiarnos. Mais non só as dinámicas que nos afectan, senón tamén alternativas viábeis para unha organización nacionalista e de esquerdas.
Con optimismo e responsabilidade afronta a Asemblea Local do BNG, este encontro con colectivos e veciñ@s. Redondela debe ter un protagonismo singular na construción dun novo modelo social.
Agardamos que desta Asemblea Aberta, se empecen a perfilar propostas de cara á elaboración dun Programa, e dunha Candidatura, que volva a asumir responsabilidades de goberno en Redondela.