O BNG presenta unha emenda aos orzamentos do estado, para a mellora da seguridade viaria en Cesantes
Proponse a construción de beiravías na N-550 dende o núcleo urbano ata o crucamento coa estrada provincial.
Por iniciativa da Asemblea Local de Redondela, a deputada do BNG Olaia Fernández Davila presentou unha emenda aos orzamentos xerais do estado para o ano 2015, que afecta á zona de Cesantes. En concreto refírese ao treito da N-550 que vai dende o núcleo urbano ata o cruzamento coa estrada provincial 2901, anunciou o noso responsábel local Xavier Balsas.
Para o BNG trátase dun treito moi transitado por veciños e veciñas de Cesantes, que á vez soporta un elevado movemento de vehículos diariamente, polo que se debe preservar a súa seguridade coa construción de beiravías.
Segundo o responsábel local a presentación desta iniciativa está sobradamente xustificada. Nesta zona atópanse situados o Centro Cultural da parroquia e o Colexio Público, ademais dun importante número de vivendas, sinala, polo que o movemento de persoas alcanza importantes cotas.
Deste xeito acadaríase un elevado grado de seguridade viaria neste espazo, posto que reducir o movemento de vehículos constitúe unha difícil tarefa, e para nós é prioritaria a mellora da seguridade viaria. Se non poñemos enriba da mesa esta situación, demandando a inversión de Fomento, o ministerio non vai a actuar, conclúe o noso responsábel local.