O BNG esixe o cese da concelleira de servizos sociais, Teresa París.
É a responsabel de levar o servizo a unha situación insostíbel.
A comparecencia da concelleira de servizos sociais do Concello de Redondela, na sesión plenaria do 3 de xullo, marcou un punto de inflexión na xestión deste departamento no noso concello.
O BNG decidiu abandonar o Salón de Plenos no momento en que a concelleira, Teresa París, aproveitou a súa comparecencia para xustificar as súas vergoñas. En contra do afirmado pola concelleira do goberno de Javier Bas ao inicio da intervención, en ningún momento se dubidou da capacidade das traballadoras do servizo. Todo o contratrio, a concelleira, facendo gala dun cinismo difícilmente superábel, manexou información capciosa e tendenciosa, afirmando que o ambiente entre as traballadoras no departamento estaba moi deteriorado polo goberno anterior.
Queremos aclarar dende o BNG que en todas as Comisións e Plenos, sempre se fixo unha lectura política das iniciativas da Concellaría. En ningún momento se pediu explicacións sobre a dinámica interna do servizo, ou se fixeron xuízos de valor, posto que isto somentes axudaría a deteriorar a imaxe do departamento. Como organización política en que os servizos sociais constitúen un referente, traballouse no regulamento de comedores escolares, o Centro de Día, as convocatorias de axudas e subvencións, etc.
Para o BNG coa súa comparecencia a concelleira tenta tapar as súa incapacidade ao fronte de servizos sociais, coa vella estratexia de botar as culpas aos demais. Mais se hai algo obxectivamente certo é que servizos sociais deixaron de ser, co goberno de Javier Bas, un recurso para demandar dereitos adquiridos, para se converter en oficina benéfica.
Acusamos a Teresa París de falar de oídas, porque nunca ata que formou parte da candidatura encabezada por Javier Bas lle interesaron os servizos sociais e a igualdade do Concello. Todo o contrario, mesmo os seus compañeir@s de partido no anterior mandato valoraron positivamente a xestión da anterior concelleira nacionalista Rosa Costas. En ningún momento participou de ningún tipo de iniciativa social, ou en actos de ningunha asociación, colectivo ou de carácter institucional.
Utilización perversa de información privilexiada.
Afirmamos dende o BNG que o papel de Teresa París en todo momento foi reconducir os servizos sociais como uns servizos para a beneficencia. Mantén unha visión dos comedores escolares, como comedores sociais; considera que os expedientes serven para que os máis necesitad@s poidan ir tirando. A pesar de que a concelleira se afana en defender que ela non é política, queda ben claro en cada unha das súas accións que pretende dirixir servizos sociais cunha actitude caduca e pouco acorde cos nosos tempos.
En ningún momento o BNG, tanto nos Plenos como nas Comisións, fixo valoracións da situación interna do departamento. Grazas a que as profesionais desenvolven o seu traballo nun alto grado de satisfacción, servizos sociais segue a desenvolver un importante labor na vida do concello de Redondela.
Utilizar información interna da situación dos servizos nunha comparecencia solicitada polo propio Partido Popular na que o BNG non ten dereito á resposta , pon de manifesto a incapacidade e covardía política desta persoa. Teresa París fixo xuízos de valor, e manexou información confidencial interna do departamento. Consideramos que non estivo á altura da súa responsabilidade, nun departamento tan importante. O único que lle interesou foi cargar as tintas contra a anterior responsábel de servizos sociais e igualdade, Rosa Costas.
Redondela, de referente galego, a reduto benéfico do Partido Popular.
Hai un antes e un despois da chegada de Javier Bas ao goberno de Redondela. Os servizos sociais convertéranse en todo un referente galego na atención aos veciños e veciñas. Dende a perspectiva de que os servizos sociais son un dereito, non unha concesión, estabelecéronse programas pioneiros, e referente en todo o País. Mesmo, por vez primeira, recibiuse unha axuda no Programa Clara, a nivel estatal, destacando Redondela como un dos pioneiros neste eido.
O plantexamento do goberno de Javier Bas, poñendo a Teresa París á fronte de servizos sociais, foi diametralmente oposto. Ao falar continuamente dos máis necesitados, deixa ben ás claras a concepción benéfica dos servizos sociais e imprimiu dende o inicio do mandato unha liña de actuación neste sentido.
Por toda esta valoración, o Grupo Municipal do BNG considera que o alcalde de Redondela debe cesar de xeito fulminante á concelleira de servizos sociais e igualdade, Teresa París De non ser así, o máximo responsábel do deterioro dos servizos será o propio Javier Bas.