O BNG esixe responsabilidades a Javier Bas, ante unha nova falla no subministro eléctrico.
No serán do pasado domingo 17, volveuse a producir unha nova falla no subministro eléctrico en grande parte do Val do Maceiras. Saxamonde foi a parroquia máis afectada ao carecer de alumeado público durante a noite.
Arredor das sete da tarde, e ata en tres ocasións, fallou o subministro eléctrico en varias parroquias de Redondela. Estes cortes afectaron tanto ao alumeado público como ao subministro que chega ás vivendas particulares.
Saxamonde, e en concreto os barrios de O Souto e Padrón foron os máis afectados. A pesares de que se restableceu a enerxía eléctrica, durante o resto da noite careceu esta parte de Redondela, de alumeado público coas conseguintes incomodidades para os veciños e veciñas.
O BNG, por medio do seu concelleiro, Xoán Carlos González considera a situación de inaceptábel. Trátase da enésima falla de subministro desta envergadura en seis meses. Fenosa, está a ofrecer un servizo terceiromundista.
O concelleiro nacionalista acusa de deixadez absoluta ao alcalde Javier Bas, posto que non fixo nada para que estes fallos deixaran de producirse. Considera alarmante que a estas alturas, aínda teñamos que sufrir cortes na subministración de enerxía eléctrica, moito máis nesta época do inverno. Ademais, Fenosa, cobra relixiosamente os recibos a todos e cada un dos aboados, incluído o Concello non amosando moitos miramentos, no caso de impagos, para cortaren o subministro. Trátase dunha situación humillante denuncia.
Como nas anteriores ocasións, en xullo e en novembro, esiximos explicacións desta situación ao goberno de Javier Bas. Non pode ser que, por unha banda se negocie con Fenosa o derrubamento dun edificio, aportando o concello 60.000, e pola outra a empresa faga deixazón das súas responsabilidades. Novamente se renuncia a defender os dereitos dos veciños e veciñas, para primar ás grandes empresas.
Anima o concelleiro nacionalista, a que todos os e as afectadas por fallas de subministro fagan valer os seus dereitos como cidadáns, reclamándolle a Fenosa o desconto por estes cortes. Ademais esiximos explicacións e responsabilidades.
Finalmente o concelleiro do BNG, Xoán Carlos González, teme a posibilidade de que este tipo de cortes de subministro eléctrico se sigan producindo, sen que ninguén faga nada por solucionalos.