A voceira municipal, Cecilia Pérez anunciou que non vai repetir como candidata na cita de maio.
No primeiro dos Consellos Locais, diante dun complexo ano no que enfrontaranse dous procesos electorais, iniciouse o proceso de conformación da candidatura municipal do BNG en Redondela. A voceira municipal, Cecilia Pérez anunciou que non ía repetir como candidata na cita de maio.
Aínda que xa o proceso político de afrontar as eleccións municipais de 2015, se iniciara coas Asembleas Abertas do outono, e posterior debate de elaboración de programa electoral, Xavier Balsas, como responsábel local, marcou os prazos a seguir. Destacou, Balsas, a necesidade de aglutinar os esforzos colectivos nunha candidatura nacionalista en Redondela.
A nova máis destacada da xuntanza do Consello Local protagonizouna Cecilia Pérez. Anunciou, que despois de seren a cabeza de lista na convocatoria do 2011, non ía repetir nas municipais do 2015.
Segundo palabras da voceira nacionalista é o momento de que outra persoa encabece a candidatura do BNG en Redondela. Trátase, o noso, dun proxecto colectivo, onde as individualidades e os personalismos, non teñen cabida. Nunca fomos, nin nunca iremos de salvapatrias. Deixámoslle ese protagonismo a outros.
Na súa intervención na xuntanza do Consello Local, apelou, Cecilia Pérez á actividade política, como acción en prol dos intereses colectivos. A política debe servir como instrumento ao servizo da transformación social dun País. Tal e como están os tempos, trátase dunha actividade moi desprestixiada mais é a única ferramenta útil contra a perda de dereitos sociais e nacionais.
Segundo as súas palabras, o meu compromiso co BNG, organización para a que teño traballado nos últimos vinte anos, vaise manter, apoiando todas e cada unha das actuacións que se desenvolvan nos vindeiros meses. Comprometeuse a dar o seu apoio incondicional a aquela persoa que saia democraticamente respaldada pola Asemblea Local de Redondela.
Pola súa banda, Xavier Balsas, destacou da, aínda voceira municipal, como un dos referentes do BNG en Redondela. Falar de Cecilia Pérez é falar de compromiso e traballo, é falar de nación, é falar de defensa de dereitos sociais, de democracia e de liberdade.
Cecilia Pérez formou parte do grupo municipal do BNG dende o ano 1995, lugar que ocupou tamén no 1999, cando participou do primeiro bipartito en Redondela, asumindo a área de participación cidadá. Recuncou no mesmo cargo no mandato 2003-2007. Durante catro anos, estivo desenvolvendo importantes responsabilidades ao formar parte da Executiva Nacional. Encabezou a candidatura da organización nacionalista no 2011, exercendo de voceira municipal ata a actualidade.
No mandato que está finalizando, protagonizou intensos debates coa bancada do goberno municipal, en defensa dos servizos sociais, dos nosos sectores produtivos, de defensa da libre elección das mulleres sobre os seus corpos, mais tamén de denuncia da perda de dereitos sociais, económicos e das liberdades aos que a dereita está a someter ao conxunto da cidadanía. Amosouse sempre dialogante para chegar a acordos, que puxeran en valor os acordos plenarios como expresión máxima da soberanía popular en Redondela, máis firme e clara nos principios democráticos que sempre defendeu o BNG.
Adiante co BNG!