O BNG exixe a Digna Rivas que convoque os Consellos Parroquiais
“Se realmente cre na participación veciñal, debe recuperar de inmediato estos órganos dos que forman parte asociacións e colectivos”, manifesta o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González.
16 set. 2021 - 10:13
A volta a unha “prudente normalidade” debe afectar a todos os eidos da actividade política do Concello de Redondela, na que se debe incluír a convocatoria dos Consellos Parroquiais, despois de ano e medio de inactividade. Así o entenden dende o Bloque Nacionalista Galego, para quen estes órganos de participación veciñal, constitúen o mellor instrumento para realmente coñecer as necesidades e demandas das diversas parroquias.
Pola súa banda o voceiro nacionalista, considera que Digna Rivas, debe ir máis alá dos anuncios de facilitar os teléfonos de concelleiros e concelleiras, ou de visitas a distintas parroquias. “Se realmente cre na participación veciñal, debe convocar ao longo do mes de setembro estes órganos conformado por colectivos, asociacións e forzas políticas”, declara.
Recorda González, como dende o mes de marzo, non se celebran ningún dos once consellos parroquiais, “situación á que se lle debe por punto e final”, co obxectivo de que o goberno municipal teña un bo coñecemento da situación das diversas parroquias.
“É nos propios Consellos onde os colectivos e asociacións, representando ao conxunto de veciños e veciñas de cada parroquia, transmiten as súas necesidades, problemáticas e mesmo aportan propostas, para a actividade municipal”, aclara o voceiro nacionalista. “A alcaldesa está no seu lexítimo dereito a xuntarse con quen considere, mais se non se convocan os Consellos, dende o BNG, consideraremos que se trata do caduco modelo de desembarco nas parroquias do goberno de turno con compromisos que despois non se cumpren”, aclara o edil.
Entende que nestes Consellos cómpre expoñer propostas como a situación das Comunidades de Augas, e Montes, a recuperación da actividade cultural parroquial, a problemática de Aucosa, ou da Ampliación da Autoestrada.
Un dos temas que o goberno de Digna Rivas debe explicar, segundo Xoán Carlos González, nestes Consellos é o destino dos Orzamentos Participativos deste ano e do pasado. “Conxelados dende 2019, por un acordo PP e AER, non houbo vontade do PSOE de suprimilo. Débese aclarar aos colectivos onde se invertiron esas partidas, e que vai pasar no futuro”. Arredor duns trescentos sesenta mil euros, deberían ser invertidos nas parroquias segundo as aportacións dos distintos colectivos e asociacións nestes dous últimos anos.
Finalmente Xoán Carlos González, manifesta que calquera acordo ao que queira chegar o goberno de Digna Rivas co BNG, debe ter en conta a convocatoria dos Consellos Parroquiais.