O BNG fala de cacicada no repintado da N-552.
Xoán Carlos González: "Modifícanse as liñas para a entrada de camións no Peirao de Rande, namentres se obstaculiza o acceso a veciños e veciñas noutras partes da estrada".
28 out. 2025 - 11:55
O recente repintado da estrada N-552 que une Redondela con Vigo, está sendo moi cuestionada entre a veciñanza ademáis de por parte do Bloque Nacionalista Galego. O repintado non mellora a seguridade viaria, namentres se lle facilita a algún particular e asegura o acceso de camións de grande tonelaxe para a Autoridade Portuaria. Consideran que se trata dunha auténtica cacicada, ao permitir a uns sobre outros.
Xoán Carlos González, voceiro da organización nacionalista afirma que non se seguiron criterios de mellorar a seguridade viaria aos veciños e veciñas de Cedeira, A Formiga, Rande ou Cabanas. Namentres se facilita o acceso a empresas, négase a camiños veciñais, alerta o edil.
Exemplifica esta falla de criterio co repitando da estrada á altura do quilómetro 4 no acceso ao antigo Peirao de Pedra. Repintaron con liñas discontinuas para que os camións de grande tonelaxe entren e saian sen problema, despois dunha curva pechada. "Trátase dun paso máis na consolidación desta estrada ao servicio da Autoridade Portuaria, convertendo Rande en almacén de contedores, ao que nos opoñemos totalmente", recalca.
Noutros puntos desta estrada non se tiveron en conta as necesidades de acceso a camiños veciñais o que obriga a que moitos e moitas residentes teñan que realizar auténticas peripecias, destaca. Fala do acceso ao Camiño da Formiga, ou ao Camiño do Cristo, nos que non se plantexou ningún tipo de facilidades como para a Autoridade Portuaria.
Entre as demandas que non se tiveron en conta destaca a rotonda de intersección en Cedeira, a carón dun coñecido supermercado. Existe un importante movemento peonil nesta punto ata a farmacia e evitaron a instalación dalgún paso de peóns, cando mesmo hai recollida de centos de sinaturas dende hai anos, declara o edil do BNG.
Considera discriminatorio que namentres a algún establecemento hosteleiro se lle pintan liñas discontinuas en plena curva para facilitar o acceso da clientela, a outros, en plena recta, mantéselle liña continua e a súa clientela tén que facer un desplazamento de ata 3 quilómetros, afirma.
Todo isto co silencio do goberno municipal de Digna Rivas, o que deixa ben claro cales son as súas prioridades. Emplazámola a que tire dos seus contactos en Madrid para mellorar a seguridade viaria para os nosos vecinos e veciñas na estrada que une Redondela con Vigo, remata na súa nota Xoán Carlos González