Para o BNG o futuro de Redondela pasa pola diversificación.
Xoán Carlos González “O Plan Xeral debe plasmar o equilibrio entre diversos sectores para que o noso sexa un concello con proxección de futuro ”
17 xuño 2024 - 10:05
Tanto no pleno de aprobación inicial do PXOM, como nos diversos encontros mantidos con asociacións e colectivos, o voceiro nacionalista Xoán Carlos González, amosou a súa convicción de que o documento debe plasmar o equilibrio entre diversos sectores económicos.
“Para que Redondela manteña a súa singularidade, como un concello con vida propia que aproveite as súas potencialidades e dinámicas, que explote a súa situación xeográfica privilexiada e a súa cercanía a Vigo”, enfatizou.
No apartado urbanístico o edil aposta por un medre sostible de nova vivenda, contando inversión pública necesaria para a construcción de vivenda de promoción pública. Aposta pola recuperación das preto de dúas mil vivendas baleiras. Conter os prezos da vivenda, tanto en propiedade como alugueiro constitúe un reto “que estamos en disposición de afrontar”, afirma.
En canto aos sectores económicos considera que a actividade comercial debe seguir sendo unha aposta de futuro onde os núcleos de Redondela e Chapela manteñan actividade, e poboación. “Chapela debe apostar por atraer clientes directamente de Vigo”, asegura. De igual xeito dende a organización nacionalista consideran que as Microáreas Industriais poden facilitar que as empresas do concello dispoñan de chan de calidade, “e poidamos poñer en valor actividades respectuosas co noso medio”.
Un elemento clave debe ser a Enseada San Simón no que as actividades vinculada á pesca artesanal e ao marisqueo deben ser un valor engadido. “As potencialidades medioambientais e de memoria histórica, convírtena nun espazo privilexiado”.
O sector servizos tamén teñen que desenvolver un papel importante para manter a Redondela como cabeceira de bisbarra. “Temos que facer esforzos para que se manteñan e mesmo instalen entes administrativos, educativos, sanitarios, culturais en Redondela”.
Aposta por manter a actividade cultural como dinamizadora de Redondela, que cree riqueza e atraia a visitantes. Tamén o turismo cultural, non estacional, gastronómico como recursos que se deben poñer en marcha.
Finalmente considera que os espazos naturais do noso concello postos en valor, poden manternos como concello referente da Ría de Vigo e do sur da provincia
“Dende o BNG imos poñer todo o noso empeño para plantexar achegas e propostas positivas que faciliten acordos con colectivos, administracións e forzas políticas porque o que nos interesa é o futuro de Redondela”, sinala finalmente Xoán Carlos González