PXOM de Redondela, encontros do BNG con colectivos.
Compartíronse propostas para mellorar o documento que establece as liñas mestras do desenvolvemento urbanístico de Redondela.
17 xuño 2024 - 10:09
O período de presentación de alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, remata o 21 de xuño. Aumenta a preocupación de diferentes colectivos e asociacións sobre o futuro desenvolvemento do noso concello, e a presentación de iniciativas que melloren o documento.
O Bloque Nacionalista Galego, mantivo diversos encontros con colectivos e asociacións para compartir propostas, e posíbeis iniciativas. En concreto a primeira das xuntanzas mantívose cos colectivos da parroquia de Vilar de Infesta. Amosaron a súa preocupación pola escasa edificabilidade da parroquia contemplada no Plan. Igualmente rexeitaron que as afeccións do aeroporto incidirán aínda máis negativamente na conformación da parroquia e na calidade de vida dos veciños e veciñas. O chan industrial que afecta a esta parte do concello, non conta co respaldo dos representantes veciñais.
Acordouse a presentación de diversas iniciativas no concello, e no Consello Parroquial.
Dende o BNG falouse da necesidade de mellorar as infraestructuras deportivas e educativas de Vilar, para as que se presentarán distintas alegacións.
Noutro dos encontros, neste caso coa Asociación de Empresarios púxose enriba da mesa a necesidade de consensuar aspectos básicos para o futuro de Redondela. Un concello que se atopa nunha encrucillada, na que a vindeira década pode ser definitiva. A diversificación de servizos, actividades complementarias, centraron grande parte do encontro.
O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González recordou os elementos clave da proposta nacionalista a respecto do PXOM. As mesmas expostas durante o debate plenario de febreiro. Tamén anunciou diversas alegacións a este documento presentadas dende o BNG.