O BNG leva a Pleno a creación de vivenda pública
Xoán Carlos González “ A Xunta deixa fóra a Redondela nos seus plans de vivenda pública malia a suba dos prezos e a demanda social de solucións”
25 xuño 2024 - 08:38
Despois duns meses nos que xa fora levada a Pleno a iniciativa popular abalada por 3.000 sinaturas para dar cunha solución ao encarecemento da vivenda, o Bloque Nacionalista Galego volve plantexar novos acordos.
“Comprobamos como o goberno de Alfonso Rueda deseña unha política de creación de vivenda de promoción pública, que ningunea ao noso concello”, afirma o voceiro nacionalista Xoán Carlos González. Para engadir que “estamos obrigados a seguir presionando para que este grave problema sexa afrontado polas diferentes administracións”.
Considera que o momento actual de estudio do Plan Xeral constitúe unha oportunidade idónea para a reserva de solo, “máis alá do que xa está obrigado por lei”. “Redondela atópase nunha encrucillada, cun encarecemento descontrolado dos alugueres e do prezo da vivenda”, denuncia. “Por iso débense tomar iniciativas que estean verdadeiramente ao servizo dos e das redondelás”.
Confía o edil nacionalista en que a moción sexa respaldada por toda a corporación “que debe estar ao servizo da cidadanía”, entende Xoán Carlos González